O presidente de Grifols, terceiro produtor mundial de hemoderivados, pediulle esta semana ao Goberno que permita o pago por doazóns de plasma sanguíneo; "Grifols podería pagar 60 ou 70 euros por semana", dixo, "que sumado ao paro, é unha forma de vivir". As filtracións de Wikileaks revelaron que a fábrica de Grifols en Barcelona é, para os Estados Unidos, un dos tres puntos estratéxicos no territorio español, e págalles de forma continuada a 150 mil norteamericanos polo seu sangue.
Fálase
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia abre o prazo para a recepción de orixinais no Premio Abrente para textos teatrais en lingua galega. O certame, cunha dotación de tres mil euros, recoñeceu en pasadas edicións os traballos de Roberto Salgueiro, Manuel Lourenzo ou Vanesa Sotelo.
CCOO e UGT adiantan as manifestacións do Primeiro de Maio ao domingo 29 de abril. As marchas convócanse tamén para protestar contra a reforma laboral e os continuos recortes do Goberno do PP.
O Ibex anótase a maior caída do ano (-3,99%) e atáscase en mínimos desde marzo de 2009, moi preto de perder a cota dos 7.000 puntos.
Daniel Candal inaugura a súa exposición Auschwitz-Birkenau. Una mirada al pasado. Na libraría Arenas da Coruña, a partir das oito da tarde.
Tres dos cinco concelleiros do BNG no Porriño, Raúl Francés, Francisco Paz Antón e Victoria Cardoso, piden a baixa na organización e renuncian ás súas actas.
O Movemento Galego ao Socialismo celebrará a súa I Asemblea Nacional o vindeiro 12 de maio en Compostela. En rolda de prensa os seus responsables manifestaron o seu "optimismo polas mudanzas existentes na liña política do BNG", pola súa aposta “polo soberanismo, a esquerda consecuente e pola recuperación da acción social” como principais liñas de traballo. Así mesmo, lamentaron a “ceremonia de confusión” pola operación de abandonos e desprestixio, “perfectamente instigada e planificada”.
Os pensionistas pagarán entre 8 e 18 euros polos medicamentos. As pensións non contributivas e os parados sen prestación quedan exentos de abonar os fármacos.
O Goberno baixa o soldo dos ex presidentes tan só un 5,6%. A dotación anual prevista para cada un deles será reducida en 4.400 euros, aínda que a partida orzamentaria incrementouse tras a incorporación de Zapatero á nómina de ex xefes de Goberno.
Recorte sanitario. Os parados de longa duración sen prestación non terán que pagar nada polos medicamentos, segundo se avanza da reunión que segue mantendo a ministra de Sanidade cos conselleiros das autonomías.