25 de maio: 'Toalhas' contra tropas imperiais

Cartaz do Dia Da Toalha 2013 Dominio Público Praza Pública

Se este sábado ve vostede un grupo de persoas con toallas na cabeza ou un par de droides ou media ducia de soldados imperiais, non se asuste nin chame á policía. Entra todo dentro da normalidade. Este sábado Compostela acollerá dous eventos ben distintos pero que de seguro sorprenderán a quen non estea avisado: por unha banda, o Dia do Orgulho Lusista e Reintegrata e Dia Internacional da Toalha. E pola outra o segundo Imperial Stormtroopers, que coincidirá co 30 aniversario da estrea de O Retorno do Jedi.

O Dia do Orgulho Lusista e Reintegrata (DdoOLeR) terá na súa sétima edición a Teresa Moure como protagonista. Moure foi escollida este ano como madrinha despois da repercusión acadada polo artigo publicado hai unhas semanas no que facia unha pechada defensa do reitegracionismo e anunciaba a súa decisión persoal de empregar esta norma. Teresa Moure veu publicando nas últimas xornadas o manifesto Quatro imagens autênticas e uma só revolta interiordo que xa se puideron ler tres das súas catro partes no blogue do evento. Moure destaca que "O reintegracionismo não é só uma postura filológica. O reintegracionismo é também uma postura moral: a de comportar-se conforme às próprias convicções, ainda que nos deitem nas margens do sistema… Ou, talvez, por e precisamente para isso".

O programa do evento comezará ás oito da tarde na Praza de Maarelos con jogos de toalhas, un escrache ao ILG e a lectura do pregón a cargo de Teresa Moure. A partir das dez da noite as actividades trasládanse á Gentalha do Pichel, onde terá lugar unha Towel party con portugaleoke, DJs & VJs, caipirinha e moitas máis sorpresas

 

Tropas imperiais por Compostela

O 25 de maio as tropas imperiais volverán desfilar por Compostela. Será o segundo Imperial Stormtroopers e coincidirá co 30 aniversario da estrea de O Retorno do Jedi. O desfile comezará no Campus Sur ás seis da tarde e atravesará a Alameda para rematar na Praza do Obradoiro onde é posible que haxa unha recepción do alcalde ou outras autoridades locais a Darth Vader, Han Solo e o xefe ewok. A banda municipal de música de Valga tocara durante o desfile e o seu remate.

Por suposto, o evento non se reducirá ao desfile e haberá un completo programa de actividades que incluirá unha exposición de Star Wars, xogos, instrución militar para o desfile, un xantar de irmanamento e pola noite festas en distintos locais. A participación no desfile é aberta e a organización mesmo orienta sobre as opcións para facerse cun traxe.

Cartaz do Dia Da Toalha 2013 Dominio Público Praza Pública
Cartaz do segundo Imperial Stormtroopers Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.