300.000 euros para Enrique Iglesias... Por que non 600.000 para Terbutalina?

Concerto de Terbutalina CC-BY-SA Terbutalina

O grupo musical Terbutalina ficou "desconcertado" hai uns días. No medio da polémica a conta do contrato co que a Xunta paga 302.500 euros pola produción dun videoclip de Enrique Iglesias os membros da banda sorprendéronse pola "reacción de enfado e indignación do común da xente". "Por que? Porque nós contemplamos esa nova como unha oportunidade", explican. Nesta situación, deixaron a un lado os instrumentos musicais por un anaco e puxéronse a redactar un texto que xa teñen nas súas caixas de correo a directora e a xerente de Turismo de Galicia, o xefe da Área de Xestión Económica e Orzamentaria e mais o xefe de Contratación. "Á vista de que se volve apostar polo apoio aos artistas", os Terbutalina teñen unha proposta.

"Pode que non nos coñezan aínda, porque a Panorama aínda non toca ningunha das nosas cancións", advírtenlles aos cargos da Xunta, o que non implica que non entendan a "mensaxe positiva que nos estaban a enviar" coa achega para financiar o vídeo de Iglesias. "Froito do actual panorama de recuperación económica", esas axudas "supoñen un chamamento a que os artistas nos animemso a contactar con vostedes para levar a nosa arte un chanzo máis alá". "Se un fillo de emigrante como o señor Enrique Igleisas pode promocionar o noso patrimonio, como non imos poder facelo os que gozamos deste paraíso día sí e día tamén?", pregúntanse.

"Se un fillo de emigrante como o señor Enrique Igleisas pode promocionar o noso patrimonio, como non imos poder facelo os que gozamos deste paraíso día sí e día tamén?"

"Indo ao concreto", o grupo explica que están pensando en elaborar un "bo videoclip" para lanzar o seu novo disco, e por iso coidan que é o momento idóneo para presentar "algunhas ideas". Nese vídeo sería "importante que se vexan paisaxes, mais diferente aos que habitualmente saen neste tipo de pezas". "Era bo asunto filmar garitos, pubs e salas de festa de todo o país, así amósaselle ao turista máis motivos para nos visitar e coñecer". As novas cancións móvense "no universo da serie B; sangue, monstros e ese tipo de historias", polo que tamén precisarían un atrezzo en condicións. Asemade, o produto tería que contar con "actrices e actores de renome". Do mesmo xeito, "comer hai que comer", por iso "propoñemos que durante os días de rodaxe se encarguen O Fogar do Santiso dos xantares e o Bodegón A Corredoira, da cea e do viño".

Con estas condicións de partida, "toca falar de cartos": "Traballo de campo en pubs e garitos", 120.000 euros. "Equipo técnico", 180.000 euros, porque "mellor que sobre que que falte". Compra de vestiario no local compostelán Plásticos Santi, 60.000 euros -"caso de sobrar algo podemos coller macetas para xardíns e tumbonas para as praias", advirten-. "Apartado actoral", 120.000 euros, porque "aos da farándula hainos que ter contentos". "Comida e viño", 180.000 euros que se poderían "revisar" se o rodaxe se "alonga". Por último, 6.000 euros en xestoría.

En total, non serían máis que 666.000 euros que prefiren "cobrar por adiantado, que logo xa se sabe". Agora, "agardan resposta".

 

Concerto de Terbutalina CC-BY-SA Terbutalina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.