A muradá María Maceiras gaña o Premio Nacional de Gastronomía para mocidade pola súa defensa en TikTok da pesca sostible

A muradá María Maceiras, no seu barco © Real Academia de Gastronomía

O premio destacou "o gran labor divulgativo" que María Maceiras desenvolve nas redes sociais, que "promove o respecto ao mar e ás súas especies, concienciando da importancia da pesca sostible"

María Maceiras, de Muros, ten 22 anos e leva catro dedicada ao mar, saíndo todos os días no barco ‘Para los tres’ da súa familia. Ademais, acompaña o seu traballo cun importante labor de divulgación a través da súa conta de TikTok, onde conta con case dous mil seguidores e seguidoras, e tamén en Instagram. Algúns dos seus vídeos, nos que amosa o día a día da actividade pesqueira, acumulan máis de cen mil visualizacións. 

Este xoves o seu traballo diario foi recompensado co Premio Nacional de Gastronomía Talento Joven Alimentos de España, que se entregaba por vez primeira. O recoñecemento, impulsado pola Real Academia de Gastronomía en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, quere poñer o foco "nas novas xeracións que están traballando no ecosistema alimentario".

Ten 22 anos e leva catro dedicada ao mar, saíndo todos os días no barco ‘Para los tres’ da súa familia.

Neste caso, o galardón destacou "o gran labor divulgativo" que María Maceiras desenvolve nas redes sociais, que "promove o respecto ao mar e ás súas especies, concienciando da importancia da pesca sostible". En varios dos vídeos amosa como devolve ao mar algunhas especies, como nécoras, santiaguiños, bois ou polbos, que aínda non acadaron o tamaño legal ou que están a desovar.

Recollerá o galardón o vindeiro martes, de mans do ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas

María Maceiras recollerá o galardón o vindeiro martes, de mans do ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas. O xurado da primeira edición do premio estivo presidido por Dabiz Muñoz, e integrado por Lourdes Plana, presidenta da Real Academia de Gastronomía, José Miguel Herrero, director xeral da Industria Alimentaria, Joxe Mari Aizega, director do Basque Culinary Center, e os Académicos Borja Beneyto, José Carlos Capel, Julia Pérez e Rosa Vañó.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.