As Venecias do mundo

Dominio Público Praza Pública

Se estades pensando en facer unha escapada este verán, Sen pasaporte. O blog de viaxes de Praza Pública, lémbrase de Venecias e doutras cidades do mundo con canais e auga en lugar de rúas de pedra ou asfalto.

Venecia é unha das poucas cidades do mundo que desprende maxia, misterio e espiritualidade por todos e cada un dos seus rincóns. Porto de saída e de entrada de milleiros de almas buscando o seu lugar no mundo, a súa importancia histórica é semellante á tamén lendaria cidade de Samarcanda, no actual Uzbequistán, e un dos enclaves máis importantes no antigo roteiro da seda. Quizáis sexa o misterio das máscaras do Entroido, que agochan as nosas máis escuras intencións baixo a súa beleza, misturando a hipocresía da moral co pracer da libertinaxe, a atmosfera bohemia das súas prazas e edificios, ou simplemente os seus innumerableis canais, famosos no mundo enteiro e por onde navegaron persoeiros de todo tipo, desde papas, reis, mercaderes ou simples vagabundos. 

Deixando atrás os porques, o feito é que non hai continente que non teña unha Venecia propia. Algúns países teñen ata varias, nun afán de atraer a un maior número de turistas que desexan contemplar un novo esplendor de canais e maxestuosidade arquitectónica. Pero, por sorte ou por desgracia, ningunha delas chega a reunir todos os ingredientes que fan de Venecia unha cidade única no mundo e na Historia. Pero, aínda así, son dignas de visitar.

Aveiro:

image

Moi preto de Galicia atópase a Venecia portuguesa. Aínda que o seu nome é algo presuntuoso, xa que contén uns poucos canais, a Art Noveau dos seus edificios máis emblemáticos, o espírito bohemio luso e o seu carácter mariñeiro fan desta pequena cidade un destino ideal, sobre todo nos meses de calor, onde se pode desfrutar dunha viaxe nos seus moliceiros, mentras o mariñeiro narra a historia da cidade, ademáis de poder desfrutar dos ovos môles nun dos seus múltiples locais, ou achegarse ata Costa Nova, para admirar os seus edificios a raias namentras se baña un nas súas praias. 

Empuriabrava:

image

Esta pequena localidade da Costa Brava catalana é un destino moi pouco coñecido para unha gran cantidade da poboación. Trátase dun destino único que nos meses estivais chega a ter 80.000 visitantes, dos 3.000 habitantes que soe ter durante o resto do ano. As súas rúas son de auga; en total 25 quilómetros de canais que a converten nun auténtico labirinto acuático. Foi a finais dos anos 60 cando se inaugurou esta localidade nunha marina con saída ó mar. Constituída como unha mina para o turismo extranxeiro, sufriu do boom inmobiliario que asolou e alienou ás costas mediterráneas. Pero aínda así, posúe un encanto moderno que a converte nun lugar ideal para pasar unhas vacacións.

Bruxas:

image

Non se necesitan moitas palabras para describir o encanto desta cidade belga. Quen a visitou xa sabe de que se trata, dunha viaxe ó pasado medieval e a unha época de dragóns, fadas e seres máxicos, gracias ó coidado do seu patrimonio arquitéctonico que logrou calificarse como Patrimonio da Humanidade. Aínda que con menos canais que Venecia, ten moitas máis pontes, como o seu nome indica (brug é ponte en flamengo).  Pero non todo en Bruxas é canais e medievo. A cidade posúe unha ampla oferta cultural que a converte nun destino ideal para os amantes da música, da arte e do teatro. 

Annecy:

image

A distancia que separa a esta pequena localidade dos Alpes franceses co mar non é motivo suficiente para que non poida estar relacionada coa auga, xa que o río Thiou e o lago Annecy a apertan formando os fermosos canais que abundan entre as súas rúas. A súa proximidade con Suíza e Italia fan de Annecy un verxel de culturas e estilos arquitectónicos. O seu casco antigo, a casa do Concello, ou a Pont dos Amours son algúns dos monumentos que se teñen que ter en conta na súa visita. Pero Annecy conta cunha tradición que a liga con Venecia aparte dos seus canais. Trátase do Entroido Veneciano de Annecy, que reúne desde hai case vinte anos a centos de enmascarados polas rúas da súa cidade vella. 

San Peterburgo:

image

A "Venecia das noites brancas" e, quizáis, unha das cidades que máis se achegan á italiana, polo menos na súa importancia cultural, política e histórica. A segunda localidade rusa tras Moscú, San Petersburgo foi erixida por arquitectos de media europa co obxectivo crear un dos núcleos urbanos máis harmoniosos do continente. E a labor levada a cabo foi un éxito. Capital imperial durante moitos anos, e residencia de verán da nobreza rusa, entre as súas rúas e canais elévanse edificios de gran fermosura, como o Museo Kuntskamera, a Avenida Nevsky Prospekt, quizáis a súa faciana máis coñecida no extranxeiro, o Pazo Beloselsky-Belozersky ou a catedral de San Isaac, por poñer varios dos exemplos que o seu casco urbano, declarado Patrimonio da Humanidade, garda no seu interior. Ademáis, debido a súa ubicación xeográfica no mar Báltico, San Petersburgo goza dunhas noites estivais nas que non se pón de todo o sol, creando unha atmosfera especial, que chega a rozar o misticismo.

Suzhou:

image

Unha das cidades máis antigas da China, que incluso chegou a ser capital do Imperio durante o período das Seis Dinastías, foi constrída entre o 581 e o 618, ligada desde os seus comezos ó río Yang-Tse, o máis místico e lendario do extremo Oriente. A súa ubicación fixo de Suzhou un dos puntos máis importantes no comezo do roteiro da Seda, e polas súas rúas paseou Marco Polo, que a denominou como a "Venecia Oriental". Actualmente, goza dunha gran importancia no sector turístico, gracias ó gran coidado dos seu entorno paisaxístico e cultural. Os seus xardíns, de gran influencia budista, recolle o pasado milenario chinés grazas ós seus múltiples templos, como o Templo do Misterio, hoxe en día unha maravillosa librería, ou o Templo de Confucio. Ademáis, tamén hai sitio para estatuas, padogas e milleiros de lendas.

Bangkok:

image

A capital de Tailandia, cuna do máis absoluto caos e da serenidade espiritual do sudeste asiático. Nesta marabunta de rúas, canais, edificios de grande altura, vehículos sen control e padogas de centos de anos de historia e unha maior riqueza arquitectónica e escultural atópase unha cidade que non deixará indiferente a ninguén. Ou quedas namorado, ou a odias para a toda vida. O cine de Hollywood preséntanos de cando en vez unha Bangkok chea de mafias, corrupción, prostíbulos e casinos de mala morte, pero a realidade é que se trata dunha cidade onde hai sitio para todo, sobre todo para turismo de calidade. Para iso hai que ir ata os seus canais, os Klongs, un paseo obligado con punto de saída na dársena de Sapham Taksin, onde se pode subir a unha das tradicionais embarcacións e admirar a arquitectura das casas antigas tailandesas.

Kerala:

image

Unha das rexións máis turísticas da India agocha unha maravilla, unha Venecia hindú, salvaxe, en gran sintonía coa selva. Entre ribeiras cheas de palmeiras xurden novecentos quilómetros de asilvestrados e tranquilos canais, cun azul da auga que se funde co verdor da arboreda selvática, creando matices de cores nunca vistos en Occidente. Unha das mellores formas de coñecer a fondo estes canais é pasar unha noite nas backwaters, ou casa-barco de bambú. Completamente equipadas, forman o transporte público dos habitantes da zona e una opción para disfrutar da beleza e misterio da India rodeado de amigos ou familiares. 

Gold Coast:

image

Australia non é só canguros, koalas e surfistas. O Estado de Queensland garda a cidade con maior tasa de crecemento do país. Gold Coast é un entramado turístico creado na década de 1960 e que, actualmente, é unha das Venecias máis modernas. Un total de 446 quilómetros de canais navegables, nove veces máis que a cidade mediterránea, cortan a cidade, e son berce dun cento de especies animais que veñen a procrear a esta zona durante o período estival. Peixes tropicais, quenllas, raias, golfiños e un sinfín de paxaros converten a Gold Coast nun destino para os amantes da natureza. Ademáis, a cidade é escenario de varias series de televisións e conta con catro grandes parques de atraccións, máis de vinte praias de area branca e unha inxente cantidade de actividades socioculturais de todo tipo.

Mopti:

image

O continente africano foi o gran descoñecido durante gran parte da Historia da Humanidade. Salvo o seu pasado glorioso durante os Imperios do Expito e de Cartago, o continente viviu á sombra do colonialismo europeo. Pero este esquecemento non foi quen de borrar a cidade de Mopti, en Malí, na confluencia no Níger e o Bani. A chamada "Venecia negra" encandilará ós seus visitantes polas súas mezquitas de adobe, semellantes á da cercana e milenaria cidade de Tombuctú, polo bullicio dos seus mercados e pola beleza da simpleza dos poboados pesqueiros da ribeira, onde abudan canoas para navegar nun tranquilo paseo polas augas salvaxes de África. Outra das atraccións que ofrece Mopti e poder coñecer de primeira man a cultura dos dogóns, unha das etnias máis coñecidas de África polas súas esculturas de madeira.

Recife:

image

O nome desta cidade brasileira está relacionado coa gran cantidade de arrecifes de corais do seu litoral, que xunto coas longas praias de area fina e branca converten a esta cidade nun dos destino turísticos máis coñecidos de Brasil. Fundada no 1537, a súa influencia holandesa quedou para a eternidade nos canais que atravesan o seu casco antiguo, semellantes ós de Ámsterdam. Hoxe en día é unha cidade cosmopolita, destacando por poseer o maior parque tecnolóxico do país, un dos maiores complexos comercias de Sudamérica e ser a novena cidade con máis rañaceos de todo o continente americano. Ademáis posúe unha grande historia cultural e arquitectónica, como a sinagoga Kahal Zur Israel, a máis antiga de América e de onde saíron os xudeus que se estableceron en Nova Iorque, o Atelier de Cerámica de Francisco Brennand, o museo estatal de Pernambuco, o teatro de Santa Isabel, as coloridas rúas do seu casco antigo, ou a Torre Zeppelin, que conectaba os zeppelines que atravesaban o Atlántico desde Europa e viceversa. Entre a axenda cultural destacan os bailes típicos como o frevo, o maracatu, forró ou o manguebeat, así como o seu Entroido, que comeza en decembro e remata o mércores de cinza. O sábado de Entroido é a inauguración oficial do Galo da Madrugada, o maior grupo carnavalesco do mundo con máis dun millón e medio de persoas, superando os do Río de Xaneiro.

Xochimilco:

image

As rúas desta cidade mexicana están feitas de auga e, sobre elas, transitan pequenos botes. Edificados sobre islotes gañados a un extenso lago a máis de 2.200 metros de altura, Xochimilco é famoso polas súas flores, cultivadas nos mesmos canais gracias ás trajineras, as embarcacións tradicionais. Esta forma peculiar de cultivo lévase facendo nesta localidade desde o ano 1265, froito dunha época de escasece. A súa beleza namorou desde os conquistadores españois ata calquer turista e viaxeiro que pase por ela no día de hoxe. Os seus productos pódense mercar e degustar nos grandes mercados de cidade, como o Pazo da Flor, o Mercado da Nai Selva ou o Mercado de San Luis. Para os amantes da botánica, Xochimilco reune flores de todos os lugares do mundo e de todo tipo. Rosas, cravos, xeranios, crisantemos, azaleas, violetas e todo o que podamos imaxinar. Solamente no Canadá e en Holanda atópanse mercados de flores máis grandes que os desta localidade, que os agrónomos de todo o mundo consideran dos seus habitantes os mellores xardineiros do mundo.

Nesta listaxe non están todas as cidades que tentan aparentarse dalgún que doutro xeito con Venecia. Cóntanse por todo o mundo e, ano que pasa aumenta o seu número, sen que ningunha poida achegarse nin de preto á maxestuosidade da mediterránea. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.