Cabalgatas de Reis contra o frío: horarios e percorridos nas cidades galegas

Cabalgata de Reis na Coruña nunha pasada edición © Concello da Coruña

Da dobre cabalgata de Vigo á xeolocalizada de Ourense, a ilusión loitará nas sete cidades contra as baixas temperaturas

O intenso frío previsto para este luns 5 de xaneiro non impedirá que cidades e vilas galegas celebren as tradicionais cabalgatas dos Reis Magos. Con temperaturas máximas que non superarán os 10 graos ao mediodía en ningunha das cidades e que baixarán considerablemente para a hora das cabalgatas, o abrigo parece a mellor recomendación para a tarde deste luns, que tamén pode verse afectada por chuvias.

Dobre cabalgata en Vigo

Vigo volverá contar con dúas modalidades de cabalgata: unha estática pola mañá na Avenida de Castelao entre as 11 e as 14 horas e outra tradicional pola tarde que comezará nese mesmo lugar ás 18 horas e recorrerá algunhas das principais rúas da cidade. Descorrerá pola praza de América, a rúa Camelias e rematará na praza do Bicentenario, a carón do Concello. A previsión municipal é que participen 11 carrozas e que as súas maxestades sexan recibidas na Porta do Sol ás 20 horas.

Cabalgata de Reis en Vigo nunha pasada edición © Concello de Vigo

4,4 quilómetros de recorrido na Coruña

Na Coruña a cabalgata comezará en Vioño, na rúa da Revolución Francesa, ás 17.30 horas e recorrerá 4,4 quilómetros pasando polas rúas Igualdade, rolda de Outeiro, Alcalde Pérez Ardá, Avenida Santiago Rey Fernández-Latorre, Catro Camiños, Costa da Palloza, avenida Primo de Rivera, Linares Rivas, Cantón Grande, avenida da Marina, avenida de Montoto, Porta Real, María Barbeito e rematará na praza de María Pita.

Xeolocalización en Ourense

En Ourense a marcha real sairá ás 18 horas da estación de tren e recorrerá as rúas Eulogio Gómez Franqueira, avenida das Caldas, Ponte Romana, rúa do Progreso e Doutor Marañón, para rematar na praza Maior, aínda que carrozas e outros vehículos non accederán ao treito final ata a praza Maior. A cabalgata ourensá estará xeolocalizada en tempo real para que a cidadanía poida consultar o seu recorrido en cada momento na app municipal. 

De Conxo ao Obradoiro en Santiago

En Santiago a cabalgata sairá ás 17.30 horas da praza da Mercé de Conxo e pasará pola avenida de Ferrol, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República de El Salvador, rúa do Hórreo, praza de Galicia, rúa da Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, praza das Praterías, travesa de Fonseca e praza do Obradoiro. A recepción municipal está prevista para as 19 horas.

Recorrido habitual en Lugo

En Lugo a cabalgata sairá do parque da Milagrosa ás 18 horas e chegará á praza Maior ás 19.30 horas. Como en Santiago, o seu recorrido será o habitual, polas rúas Monte Faro e avenida da Coruña. A entrada no recinto histórico será pola Porta de San Fernando e continuará percorrendo as rúas San Fernando e San Marcos, para chegar á praza de Santo Domingo e continuar pola rúa da Raíña, antes de rematar diante do Concello.

Cabalgata de Reis en Santiago nunha anterior edición © Concello de Santiago

Recepción pola mañá e cabalgata pola tarde en Pontevedra

En Pontevedra os Reis Magos serán recibidos pola mañá na Casa do Concello, ás 11 horas. Pola tarde, a cabalgata comezará ás 18 horas na avenida de Lugo e recorrerá as rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e rematará na Alameda.

En barco a Ferrol

A Ferrol as súas maxestades chegarán en barco ás 16.45 horas ao peirao de Curuxeiras. A cabalgata comezará ás 18 horas na rúa Venezuela e recorrerá as rúas Colombia, estrada de Castela, Pontevedra, Cuntis, Roi Xordo, praza de España, María, Arce, Real, Rubalcava e praza de Armas, onde accederán ao Concello para recibir aos máis pequenos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.