Chula, a moda de dous galegos que triunfa desde Vietnam

5 looks © Chula

Xa for por imitación ou por protagonismo, é pouco frecuente que unha firma de roupa con miles de seareiros se manteña afastada do rigor da tendencia. De equiparalos con alguén, tería que ser cunha personaxe como Elsa Schiaparelli, atípica deseñadora, filósofa das formas, extravagante no seu tempo, coa que colaboraban figuras como Jean Cocteau ou Man Ray. Nese oasis –máis de medio século despois- nada Chula, cuns deseños a proba de modas.

O arquitecto e fotógrafo galego-leonés Diego Cortizas e a deseñadora ferrolana Laura Fontán son os propietarios desta marca que fundaron en Hanoi, Vietnam, onde viven desde hai case nove anos

O arquitecto e fotógrafo galego-leonés Diego Cortizas e a deseñadora ferrolana Laura Fontán son os propietarios desta marca que fundaron en Hanoi, Vietnam, onde viven desde hai case nove anos. Enfocados en feminino, en Chula cosen tea sobre tea, non estampan, e coidan con detalle os acabados. Misturan con gran estilo o fondo monocromo coa enorme riqueza de cores vietnamitas. Todo en seda e en pezas personalizadas. Para unha muller “chula e con sentido do humor” que pisa fóra do imperativo temporal.

“Se estás en Londres ou en Nova York, parece que se non entras nas tendencias non existes. Vivir en Vietnam axúdache a desvincularte diso. Hanoi é outra esfera, pensas en termos do que é bonito”, conta Diego Cortizas desde a súa morada. “Inspirámonos na contorna, na arquitectura, na pintura abstacta, na fotografía, no que che di a xente coa que traballas. No fondo é un criterio moito máis puro, menos contaminado. O mundo grafico, o das viñetas, tamén entra moito na nosa roupa. Son fontes de inspiración tradicionalmente alleas á roupa que recollemos nós”.

A maior parte dos seus artigos véndense en Asia e a través de internet. Na web, contan cun apartado para que a clienta detalle as súas medidas e reciba na casa un vestido ou un traxe exclusivo realizado de xeito artesanal. Tamén se atopan en tendas de Santorini, Roma, Malta… en Xixón, Pamplona, Madrid, Barcelona… ou nos comercios Lakari, de Ouerense, e Eladiz, de Santiago.

Pero, que fan dous galegos que non se dedicaban á moda cunha empresa de roupa en Vietnam? O seu gusto viaxeiro levounos a Hanoi desde Compostela, cando xa percorreran medio mundo. “En Vietnam, deseguida nos integramos, comezamos a coñecer xente e sentímonos moi a gusto”. E tiveron a súa primeira filla, Carmen, que hoxe, 30 de marzo, cumpre sete anos. Despois virían Pablo, de cinco, e Yago, de dous. “Os tres naceron en Hanoi e teñen unha vida moi rica; manteñen as súas raíces, pero están moi integrados, e a maioría dos seus amigos son vietnamitas”.

E, con Carmen en proxecto montaron un taller ao involucrarse, por afección, na arte da creación téxtil. Agora traballan canda eles 60 persoas, e un gran abano de coleccións. “Tivemos que aprender a cortar, coñecer as técnicas da costura, e empezar a deseñar desde cero. É máis creativo, cada traxe resulta único. En España ter un taller vólvese moi difícil, pídese un patronaxe técnico no que todo estea moi especificado dun xeito estándar. En Vietnam é máis anárquico, pero moito máis divertido”.

“Desfilouse por primeira vez na ponte-pasarela que une as dúas torres Petronas. Elixiron dez deseñadores de diferentes países. Fomos moi afortunados”

Cos aplausos do seu ultimo desfile nas orellas, hai apenas unha semana, prepáranse para un novo reto, a Semana da moda de Vietnam, un dos sectores en expansión no país, cara onde se comeza a mirar con sumo interese. “Este do que vimos foi un evento moi especial na capital de Malasia”, continúa Diego Cortizas. Celebrouse no predio máis emblemático de Kuala Lumpur, as Torres Petronas, o que fora hai uns anos o edificio máis alto do mundo. “Desfilouse por primeira vez na ponte-pasarela que une as dúas torres. Elixiron dez deseñadores de diferentes países -Australia, India, China, Holanda, Reino Unido, Portugal e nós, elixidos en representación de España e Vietnam-. Fomos moi afortunados”. E é que igual que os seus propietarios, os vestidos de Chula, exteriorizan xenerosas doses de emoción.

Os responsables da marca © Chula
Ahn Yeu Em © Chla
Happyness flowers © Chula

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.