Baixo o título de Coñezamos o noso concello, a Agrupación Local de Compromiso por Galicia-Compostela organiza unha serie de camiñadas co fin de dar a coñecer a cidade e o seu entorno rural. A convocatoria vai dirixida a todos os veciños interesados en descubrir os moitos recunchos que agocha Compostela, desenvolvendo unha actividade de lecer familiar.
A primeira destas rutas, prevista para este domingo, 7 de abril, decorrerá entre os lugares de Conxo e a Ponte do Romaño. Ás 9.30h. sairase do local sociocultural de Conxo. A continuación, baixarase pola fervenza de Conxo. Pasarase polo vello túnel do tren (é importante levar unha lanterna para este tramo), a Rocha Vella, o castelo da Rocha, a Amañecida, o lavadoiro da Cantaleta, igrexa de Vidán e a pasarela do Sarela. Remontando o Sarela polo curtidoiro, o Carme, a finca do Espiño, Lermo chegarase á Ponte do Romaño sobre as 14.30h. Quen leve nenos é mellor que valore rematar o roteiro en Tras Santa Isabel ou como moito na Ponte de Lermo porque a partir daí o camiño transcorre sempre pola beira do Sarela e por culpa da lama pode facerse moi pesado.
Unha vez chegados ao final, quen queira pode volver camiñando ou se non, hai servizo de autobuses cada hora. Cómpre destacar que en calquera momento da ruta se pode abandonar, tendo sempre unha parada de autobús a menos de dez minutos.