"Despois dunha ducia de anos, Santiago(é)Tapas xa é unha tradición de Compostela"

Lois Lopes, á dereita xunto a Sindo Guinarte, na presentación de Santiago(é)Tapas © Concello de Santiago

Desde o pasado 14 de novembro e ata o vindeiro 1 de decembro desenvólvese en Compostela a XII edición do Santiago(é)Tapas e a I edición do Santiago(é)Coctel, nos que participan un total de 77 locais de toda a cidade, que ofrecen os seus mellores produtos. Participan 53 tapas na modalidade tradicional (cun prezo de entre 1 e 2 euros) e 56 tapas na modalidade creativa (de entre 2 e 3,50 euros). Tamén 13 cócteles clásicos (cun prezo de 5 euros) e 12 cócteles creativos (cun prezo de 6 euros) para un público que poderá votar a través dos pousavasos oficiais que atoparán nos locais participantes, depositando o seu voto nas urnas correspondentes. 

O evento, xa ben consolidado, está organizado pola Asociación Hostalería Santiago. Falamos con Lois Lopes, un dos membros da directiva. 

Que acollida está a ter esta edición de Santiago(é)Tapas?

Pois a cousa vai un pouquiño por riba da participación do ano pasado, a pesar do tempo que está facendo, o que é un bo dato. 

"A participación vai un pouquiño por riba da do ano pasado, a pesar do tempo que está facendo. É xa a 12ª edición, hai unha tradición e iso inflúe"

O evento en Santiago adoita ter mesmo máis participación que en cidades moito máis grandes...

Hai que ter en conta que en Santiago estase a celebrar a 12ª edición. É unha ducia de anos con isto, hai unha tradición e iso inflúe. Ademais, o evento en Compostela ten bastante nivel e repercusión, non só na cidade, senón entre xente que se despraza para participar no evento. 

É máis cliente local que turista o que participa, non si?

Basicamente a clientela é local porque turistas nesta época do ano non hai moitos. Claro que hai xente que vén de fóra visitar a cidade e participa e accede á información; ademais, teñen a opción do Tapasporte, que inclúe rutas distintas e que permite de gozar en menos días do evento. Con todo, o cliente principal é o local. 

Niño de patacas con lacón, ovo e grelo deshidratado, unha das tapas do certame © Santiago(é)Tapas

Serve Santiago(é)Tapas para reivindicar tamén outro tipo de ocio diferente ao turismo exprés e de masas?

Non ten que ver moito este evento co turismo de masas. O que nós reclamamos é que a cidade ten que seguir o seu curso normal e non pode estar pensada única e exclusivamente para os turistas. 

O impulso do Xacobeo está a influír moito na hostalería?

O Xacobeo é un fenómeno mediático que está aí e vai supor un ano importante para a economía de Santiago e para o sector da hostalería, un dos sectores máis importantes da cidade e que ten que seguir despois do Xacobeo e sen tanto turista. Nós sempre reclamamos a desestacionalización do turismo e a adopción de medidas que deslocalicen o turismo do que é a Catedral e a súa contorna porque, realmente, a masificación turística en Santiago está nas dúas rúas lindeiras coa Catedral, ademais dalgún momento puntual noutras zonas e certas molestias en determinadas horas do día. Cunha maior deslocalización e desestacionalización estaríamos todos contentos.

"Santiago(é)Tapas segue mantendo o nivel, que xa é moito"

Santiago(é)Tapas tamén serve para desestacionalizar o turismo?

É certo que Santiago(é)Tapas é unha actividade que naceu de Turismo de Santiago e como un evento máis desestacionalizador e para unha época que non é a mellor do ano por estar achegada ao Nadal, pero unha grande parte da hostelería compostelá non ten a súa tempada en función do turismo porque practicamente non lle chega. Ninguén da praza Roxa vive do turismo, e xa non che digo da Sionlla. O efecto do turismo é moi reducido xeograficamente na cidade. 

Nótase no evento unha evolución tamén nas tapas, na súa variedade ou grao de elaboración?

Segue mantendo o nivel, que xa é moito. Foi un evento que empezou cun alto nivel e que o segue mantendo co paso dos anos. Cada ano vaise adaptando máis ao que o público che reclama. Establecemos agora unha modalidade tradicional e outra creativa, para que os restaurantes tradicionais, que sempre participaron, se sentisen máis identificados aínda e nunha categoría máis enmarcada. Tamén incluímos a ruta dos cócteles, que era unha demanda da xente da noite e que está a ter bastante éxito de participación de locais e de usuarios. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.