Quedamos de tapas? Compostela ofrece dende este xoves os seus mellores petiscos

Cesta de polbo con alioli © Santiago(é)tapas

Ata o 1 de decembro pódense probar 109 tapas, dende as máis tradicionais ata as máis creativas

Crocante de zamburiña con cremoso de mazá; Canelón de lacón; Tempura de polbo, alioli de pataca e grelo, San Simón e millo; Cebiche de Mexilón; Bacallau confitado; Taco de frebas de porco, crema de queixo e cítricos... E así ata 109 tapas. Este xoves comeza en Compostela a XII edición do Santiago(é)Tapas e a I edición do Santiago(é)Coctel, nos que participan un total de 77 locais de toda a cidade, que ofrecerán os seus mellores produtos ata o 1 de decembro.

Participarán 53 tapas na modalidade tradicional (cun prezo de entre 1 e 2 euros) e 56 tapas na modalidade creativa (de entre 2 e 3,50 euros). Ademais, no que se refire ao Santiago(é)Cóctel, participarán 13 cócteles clásicos (cun prezo de 5 euros) e 12 cócteles creativos (cun prezo de 6 euros). O público poderá votar polas tapas e cócteles a través dos pousavasos oficiais que atoparán nos locais participantes, depositando o seu voto nas urnas correspondentes. 

Sindo Guinarte e Lois Lopes © Concello de Santiago

Do 6 ao 8 de decembro celebrarase unha 'final' coas dez propostas mellor valoradas por un xurado

Do 6 ao 8 de decembro celebrarase unha 'final' coas dez propostas mellor valoradas por un xurado, tapas que poderán ser probadas de novo polo público para escoller a gañadora. A elección das tapas gañadoras dos premios Santiago(é)Tapas 2019 entre as finalistas farase mediante a ponderación da valoración do xurado profesional e a puntuación media obtida dos votos populares. Haberá ademais un premio do público á tapa creativa e un premio do público á tapa tradicional, e dous premios do público aos mellores cócteles.

Para percorrer os distintos locais participantes elaborouse un Tapasporte, que inclúe oito rutas distintas de petiscos e unha ruta de cócteles. O documento pode descargarse na web santiagoetapas.gal. e, así mesmo, pode recollerse dende este mércores na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) e na sede da Asociación Hostalería Compostela (rúa das Salvadas, 29). Ademais, tamén se pode descargar a app quedamosdetapas.

Crocante de zamburiñas © Santiago(é)tapas

O locais deberán selar oTapasporte a todos os/as clientes/as que consuman as tapas, que optarán así a numerosos premios

O locais deberán selar oTapasporte a todos os/as clientes/as que consuman as tapas, que optarán así a numerosos premios por completar as diferentes rutas (denominadas (é)tapas). Os premios inclúen dende entradas para Cineuropa, viaxes no tren turístico ou vales de compra no Mercado de Abastos, ata ceas para dúas persoas, noites de hotel e un voo en ultralixeiro pola Costa da Morte.

O XII Santiago(é)Tapas está organizado pola Asociación Hostalería Compostela, promovido por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio de Mahou. Tamén colaboran Cash Record, Coca Cola, Finca Viñoa e Aceites Abril; así como o festival de cine Cineuropa, a Asociación de Celíacos de Galicia, o movemento Slow Food e Utimaq. O I Santiago(é)Cóctel está organizado pola Asociación Hostalería Compostela.

A vaca que se comeu a horta © Santiago(é)tapas
A casa Baiana de Lourenzá © Santiago(é)tapas
Filloburguers © Santiago(é)tapas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.