Doce museos de Vigo celebran este venres a súa ‘noite branca’ con concertos e visitas guiadas ata a madrugada

'Noite branca' dos museos de Vigo © Concello de Vigo

O alcalde, Abel Caballero, salienta o “éxito moi importante” das anteriores edicións da iniciativa, que inclúe tamén actuacións na rúa

Doce museos de Vigo celebrarán este venres 9 de agosto a súa ‘noite branca’, iniciativa impulsada polo Concello que os manterá abertos ata as dúas da madrugada do sábado con ducias de visitas guiadas e concertos. Os museos implicados na noite branca son o Marco, o Quiñones de León de Castrelos, o Verbum, a Pinacoteca Francisco Fernández del riego, a Casa Galega da Cultura, a Casa das Artes, os xacementos arqueolóxicos do Castro e da vila romana de Toralla, o centro Naturnova de Afundación, o Museo do Mar, e Salinae.

Nesta sétima edición, o público asistente poderá desfrutar de concertos en espazos como a Casa das Artes, o Castro, o Quiñones de León, os xardíns históricos de Castrelos ou o Verbum. Ademais, haberá propostas musicais ao aire libre na rúa do Príncipe, arredor do Marco e na praza da Princesa. Tamén haberá máis de 40 visitas guiadas e obradoiros participativos.

Na presentación das actividades o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou o evento como a "gran mobilización en torno aos museos da cidade" e valorou as anteriores edicións desde que o Concello lanzou as noites brancas hai sete anos como “un éxito moi importante”.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, durante a presentación da 'noite branca' dos museos da cidade © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.