En tren, tractor ou carroza: os Reis Magos percorreron Galicia de norte a sur

Os Reis Magos na Praza do Obradoiro © Concello de Santiago

Os Reis Magos chegaron a Galicia na tarde deste domingo. Xusto antes de pasar casa por casa deixando os seus agasallos percorreron cidades e vilas en ducias de cabalgatas, ás que asistiron centos de miles de persoas. Na Coruña, por exemplo, foron 130.000 as asistentes en todo o percorrido, que os levou dende o barrio dos Castros ata a Praza de María Pita. E en Vigo o paseo reuniu a unhas 200.000 persoas entre Isaac Peral e a Porta do Sol, onde os Reis Magos se dirixiron ao público que alí se xuntara.

En Mazaricos os Reis entraron na vila en tractor co obxectivo de reivindicar o rural

Especial foi tamén o percorrido en Compostela, con Melchor, Gaspar e Baltasar chegando en tren e dirixíndose á Praza do Obradoiro. E, igualmente, no Concello de Mazaricos, onde os Reis entraron na vila en tractor co obxectivo de reivindicar o rural. Ademais, en vez de ouro, incenso e mirra, as Súas Maxestades ofrecéronlle leite á figura do neno situado no Belén xigante de eucalipto construído alí nestas festas.

As prazas maiores de Lugo e Ourense foron o punto de chegada das cabalgatas en ambas as dúas cidades, o mesmo que a Alameda en Pontevedra ou o Teatro Jofre en Ferrol. Eses foron os lugares nos que Baltasar, Gaspar e Melchor falaron directamente cos nenos e nenas alí congregados e congregadas.

En Vigo o paseo xuntou a 200.000 persoas, e 130.000 na Coruña

Valença e Tui acolleron unha nova edición da cabalgata conxunta dos Reis Magos, chegando primeiro as Súas Maxestades de Oriente  á estación de tren da vila lusa, que percorreron durante tres horas cunha "chuva de rebuçados" antes de desfilar por Tui acompañados por 150 figurantes. Houbo milleiros de caramelos en todas as cabalgatas: 4.000 quilos en Vigo, 3.100 en Ferrol, 3.000 en Ourense, 1.500 en Pontevedra ou 1.400 en Compostela.

Podes ver na galería as imaxes das cabalgatas da Coruña, Ferrol, Pontevedra, Lugo, Compostela, Monforte, Mazaricos ou Ames.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.