As súas Maxestades de Oriente chegan este domingo a Galicia, onde serán protagonistas de masivas cabalgatas en cidades e vilas nas que ademais se repartirán milleiros de caramelos e outros agasallos. Os ceos estarán despexados en todo o territorio, pero iso si, fará frío, movéndose as temperaturas mínimas entre os 5 graos da Coruña e o 1 grao que fará en Ourense. Repasamos aquí os percorridos que seguirán nas sete principais urbes do noso país.
Vigo
A Cabalgata iniciararase ás 18 horas na rúa Isaac Peral e dende alí dirixirase a García Barbón, Policarpo Sanz e a Porta do Sol. Alí os Reis Magos dirixiranse ao público asistente. Ese é o punto habitual de remate do percorrido, pero nesta ocasión a Cabalgata continuará uns metros máis, pola rúa Elduayen e o Paseo de Alfonso, para rematar na rúa Pi i Margall. En total, repartiranse 4.000 kilogramos de caramelos pequenos, sen glute e sen azucre.
A Coruña
Desta volta a Cabalgata herculina iniciarase no barrio dos Castros, en concreto no Miradoiro dos Castros. Será ás 17.30 horas, e dende alí percorrerá a avenida de Oza, Ramón y Cajal, Avenida do Exército, Linares Rivas, Praza de Mina, Cantóns Pequeno e Grande, ata chegar á Mariña, finalizarando sobre as 20 horas en María Pita. Nela intervirán máis de 150 artistas de once compañías, con acróbatas, zancos ou cabalos de luz con estéticas
circenses e moita música. Ao rematar, haberá unha chocolatada na praza de María Pita para todos os e as
nenas participantes e as súas Maxestades dirixirán unha mensaxe desde a balconada do pazo municipal.
Ourense
Na cidade das Burgas a Cabalgata comezará ás 18 horas dende As Caldas, percorrendo as rúas Eulogio Gómez Franqueira, a avenida das Caldas, Ponte Romana, rúa Progreso, rúa Doctor Marañón, rematando na Praza Maior. Participarán 26 carrozas e máis de 300 persoas, repartíndose máis de 3.000 quilos de caramelos. A temática do paseo serán "os animais do mundo".
Lugo
Na cidade das murallas a Cabalgata comezará ás 18 horas no Parque da Milagrosa, percorrendo o centro urbano lucense pola rúa Monte Faro, a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla (entrando ao centro histórico pola porta de San Fernando), seguindo pola rúa Quiroga Ballesteros, Praza de Santo Domingo e Rúa da Raíña. O paseo rematará na Praza Maior ás 19.30 horas.
Compostela
Os Reis Magos chegarán a Santiago en tren ás 17.30 horas, despois de pasar por Monforte e Osebe (Teo). Dende a Estación do Ferrocarril percorrerán a cidade, ata chegar á Praza do Obradoiro ás 19.30. Polo camiño repartirán 1.400 kilos de caramelos sen glute, cun total de 500 figurantes e 26 agrupacións artísticas. Xa no Obradoiro, os Reis Magos falarán cos nenos e nenas asistentes, rematando o espectáculo cun concerto de Mamá Cabra.
Pontevedra
A Cabalgata comezará na rúa José Malvar ás 18 horas, seguindo os Reis polas rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena e a Praza de España. O paseo rematará na Alameda, despois de teren repartido 1.500 kilos de caramelos.
Ferrol
Na cidade naval, a Cabalgata partirá ás 18 horas da rúa Venezuela e seguirá por Colombia, Estrada de Castela, Praza de España, rúa María, rúa Méndez Núñez, rúa Real, rúa Concepción Arenal e Praza de Galicia, repartindo un total de 3.100 quilos de caramelos sen azucre nin glute. Os Reis Magos recibirán os nenos no Teatro Jofre. Iso si, xa este sábado os Reis Magos realizaron dúas cabalgatas polas parroquias rurais do Concello de Ferrol
Cabalgata internacional
Valença e Tui preparan unha nova edición da cabalgata conxunta dos Reis Magos, que se vén celebrando nos últimos anos na Eurocidade. Este domingo 5 de xaneiro as Súas Maxestades de Oriente chegarán primeiro á estación de tren da vila lusa, que percorrerán durante tres horas cunha "chuva de rebuçados" antes de desfilar por Tui acompañados por 150 figurantes.