Guía para non perder a chegada dos reis magos a Galicia

Cabalgata de Reis en Vigo © Concello de Vigo

Os Reis Magos chegan na noite deste domingo ás casas de milleiros de pequenas e pequenos. Antes, na tarde do sábado, varias cabalgatas percorrerán moitas localidades galegas para facer gozar a cativería e familias enteiras de diferentes e variados espectáculos. Chegarán en tren, en barco ou en coche para subir ás súas impresionantes carrozas e liderar comitivas que renderán homenaxe á literatura, personaxes de Disney ou emblemáticas historias infantís. E volverán repartirse milleiros de caramelos. Velaquí unha axenda co percorrido,, as características e os horarios desas cabalgatas nas principais cidades e vilas do país. 

VIGO

O alcalde, Abel Caballero, tirou da súa habitual grandilocuencia para advertir de que a cabalgata de Vigo “vai ser a mellor do mundo, de longo, a gran distancia da seguinte”. Sairá ás 18 horas de García Barbón, desde a rotonda de Isaac Peral, para seguir por Policarpo Sanz e rematar na Porta do Sol. 

O desfile contará con quince carrozas, tres autobuses e espectáculos de maxia e circo, ademais de contar con referencias a clásicos do cinema como Mary Poppins ou Peter Pan. Repartiranse 4.500 caramelos sen glute e sen azúcar. Antes, pola mañá, os reis magos visitarán hospitais e centros asistencias e ao mediodía recibirán os mais pequenos no Auditorio Municipal. 

A cabalgata de Vigo sae ás 18 horas da rotonda de Isaac Peral, en García Barbón; a da Coruña, media hora antes do lado do estadio de Riazor

A CORUÑA

A cabalgata na Coruña partirá da avenida da Habana, ao pé do estadio de Riazor, ás 17:30 horas. De alí collerá a avenida Calvo Sotelo, Fernando Macías, Médico Rodríguez, Juan Flórez, Marcial del Adalid, Linares Rivas, Sánchez Bregua, Praza de Mina, Cantón Pequeno, Cantón Grande e Avenida da Mariña, para rematar en María Pita sobre as 20:30 horas. 

O desfile contará con 16 carrozas, entre ellas a dos bombeiros, e haberá 450 nenos que participarán nela xunto a trece compañías artísticas con malabaristas, pallasos ou bandas de música. Repartiranse 12 toneladas de caramelos aptos para celíacos. 

Cabalgata de Reis na Coruña © Concello da Coruña

OURENSE

A temática da cabalgata de Reis na cidade das Burgas será un Soño de Nadal. As súas maxestades chegarán ás 17:30 á estación Empalme-Ourense para logo percorrer a avenida das Caldas, Ponte Romana e a rúa Progreso até a do Doutor Marañón para rematar na Praza Maior sobre as 20 horas. 

Serán cinco as carrozas nunha comitiva cun total de 300 persoas na que haberá bailes, cabezudos ou globos xigantes, ademais de fogos de artificio.

O desfile en Ourense será un 'Soño de Nadal'; en Compostela estará baseado no conto de 'Alicia no país das marabillas'

SANTIAGO

En Santiago a cabalgata será A viaxe das marabillas, xa que os Reis Magos estarán acompañados polas personaxes do conto de Lewis Carroll, Alicia no país das marabillas

As súas maxestades chegarán á estación de tren ás 17:25 horas para rematar a súa viaxe ás 19:30 na praza do Obradoiro. O percorrido será o habitual nos últimos anos: desfile polas rúas Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia, Porta Faxeira, rúa do Vilar e Xelmírez, antes de chegar xunto á Catedral. O desfile contará con 450 figurantes, 25 agrupacións artísticas e seis carrozas. 

Cabalgata de Reis en Santiago © Concello de Santiago

LUGO

En Lugo a cabalgata partirá ás 18 horas do Parque da Milagrosa e percorrerá a rúa Monte Faro, Avenida da Coruña, Porta de San Fernando, Praza de Ferrol, rúa Bolaño Rivadeneira, rúa Quiroga Ballesteros, Praza de Santo Domingo, rúa da Raíña e Praza Maior, a onde chegarán sobre as 19:30 horas. As maxestades viaxarán en varias carrozas inspiradas nos contos de Disney e haberá 3.000 paquetes de lambetadas e máis de 2.000 quilos de caramelos. 

PONTEVEDRA 

Os Reis Magos partirán coa súa cabalgata en Pontevedra ás 18 horas da rúa José Malvar, pasando por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena, Praza de España e Alameda, aínda que xa á mañá andarán tamén polo centro da cidade do Lérez. 

No desfile da tarde particparán seis carrozas e a comitiva que acompaña a Melchor, Gaspar e Baltasar contará cunha comitiva dunahs 300 persoas, principalmente pequenas e pequenos.

Ferrol acollerá unha cabalgata literaria que sairá do peirao de Curuxeiras, a onde chegarán os reis en barco 

FERROL

En Ferrol, será a literatura a protagonista da cabalgata dos Reis Magos. O Quixote, Romeo e Xulieta ou as personaxes d’As mil e unha noites serán os que fagan gozar aos máis pequenos. 

Como xa é tradición na cidade ferrolá, as súas maxestades chegarán por mar e atracarán no peirao de Curuxeiras sobre as 17:30 horas. O percorrido da cabalgata levará unhas tres horas e media e pasará pola rúa Venezuela, rúa Colombia, a estrada de Castela, Praza de España, Rúa María, Rúa Arce, Rúa Rela, Rúa da Terra e a Praza de Armas. 

Haberá dez carrozas, ademais doutros vehículos habituais en Ferrol como o vello camión do parque de bombeiros da cidade.

Cabagalta de Reis en Lugo © Concello de Lugo

Ademais das cabalgatas que se desenvolverán nas sete cidades galegas, son moitas as vilas que recibirán tamén os Reis Magos durante a tarde deste sábado. Así, en Ames as súas maxestades estarán no Milladoiro ás 17 horas para comezar un percorrido que acabará ás 17.30 no pavillóns. En Bertamiráns sairán ás 18 horas para rematar tamén no espazo polideportivo, onde haberá, como no caso anterior, unha actuación do grupo Migallas. 

Cabalgata de Reis en Ourense © Concello de Ourense

Vilas como Ames, Carballo, Vilagarcía, Cangas, Vilalba, Ribadeo, Viveiro, Monforte ou Verín tamén recibirán a visita das súas maxestades

En Carballo, pola súa banda, os Reis sairán desde o centro comercial Bergantiños-Híper Gadis ás 17.30 e percorrerán distintos barrios para chegar ás 20 horas á Praza do Concello onde, desde as 18.30 haberá animación infantil nunha carpa. 

Tamén haberá unha boa festa en Vilagarcía de Arousa. As súas maxestades sairán do auditorio da vila ás 19 horas para chegar á Praza de Revella algo máis tarde. Pasarán pola Avenida da Mariña, Conde de Vellelano, Arcebispo Lago, Alexandre Bóveda, Alejandro Cerecedo, Doutor Tourón, Praza de España, Edelmiro Trillo, Padre Feijóo e Arapiles. 

Ademais, en Cangas a cabalgata comezará ás 18 horas e partirá da rotonda da Loxa para percorrer desde alí o centro da vila. Haberá varios grupos de animación e sete carrozas. 

Os Reis Magos, en Verín © Concello de Verín

Na Mariña, pola súa parte, son varias as citas. En Ribadeo, desde as 19 horas, a cabalgata parte do Hospital Asilo e pasará polas Cuatro Calles, San Roque, rúa Vilalba e as avenidas de Galicia e de Asturias para rematar onde o Concello. En Viveiro o desfile sairá ás 18 horas de Celeiro e chegará á Praza Maior. 

En canto a Monforte, os Reis Magos chegarán á estación de ferrocarril pouco antes das cinco da tarde e sairán ás seis desde a Praza da Estación ata o Concello, onde se prevé a súa chegada ás 19.30 horas. Na capital da Terra Cha, en Vilalba, as súas maxestades visitarán a residencia de maiores ás 17.30 e desde as 18 percorrerán a vila para chegar á carpa instalada na Praza da Constitución. 

Na provincia de Ourense, as rúas de Verín acollerán tamén desde as 17.30 horas unha cabalgata que sairá da Casa do Escudo e chegará á gala prevista no pavillón municipal tras percorrer a Avenida Luís Espada e as rúas Deputación e Irmáns Moreno. 

Os Reis Magos, na porte que une Tui e Valença © Município de Valença do Minho

Ademais, A Eurocidade Tui-Valença recibe os Reis Magos na que será a  décima edición da Cabalgata Internacional de Reis da Eurocidade que une as dúas localidades. 

Tui e Valença acollerán a décima edición da Cabalgata Internacional da Eurocidade

As súas maxestades chegan a Valença en tren ás 16 horas e unha hora máis tarde comezará o percorrido polas avenidas do Colexio Portugués, avenida de Miguel Dantas, rotonda da Trapicheira, avenida de Espanha e antiga ponte internacional –a onde chegará ás 18 horas-, para continuar xa en Tui pola avenida de Portugal, Martínez Padín e a rúa Augusto González Besada ata rematar no paseo da Corredoira sobre as 19 horas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.