Horarios e percorridos: as cidades galegas adaptan as cabalgatas dos Reis Magos á chuvia e o vento

Os Reis Magos na cabalgata do ano pasado en Ourense CC-BY-SA Concello de Ourense

Da cabalgata estática de Vigo á adiantada ao sábado de Santiago, as sete cidades tentan manter a ilusión baixo a auga

Cidades, vilas e mesmo parroquias de toda Galicia ultiman a preparación das cabalgatas dos Reis Magos de oriente que este ano están a ser adaptadas sobre a marcha ante as previsións de chuvia e vento (con aviso amarelo en todo o litoral) para a tarde do día 5, o momento en que se adoitan facer a maioría dos anos. Ante esta situación hai concellos que están a optar por adiantar a cabalgata a este sábado día 4, mantela o día 5 adaptando o percorrido a lugares máis protexidos do vento e a chuvia dos previstos inicialmente, ou facela ese mesmo día 5 pero de xeito estático, nun lugar a cuberto. Detallamos os lugares e horarios das principais cabalgatas, as das sete cidades galegas, á espera de posibles adaptacións de última hora pola ameaza de chuvia.

Vigo

En Vigo a cabalgata dos Reis Magos realizarase no recinto cuberto do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) o domingo 5 das 11.00 ás 14.00 horas e das 15.00 ás 20.00 horas. Tras estudar a posibilidade de adiantala ao sábado pola chuvia prevista para o domingo, finalmente este venres o alcalde, Abel Caballero, comunicou que se optará por manter a data de celebración no domingo 5 pero trasladándoa ao IFEVI. As carrozas disporanse estáticas no centro das naves do recinto feiral e nenos e nenas pasearán ao seu arredor. 

Cabalgata do pasado ano en Ferrol CC-BY-SA Concello de Ferrol

A Coruña

Na Coruña a cabalgata dos Reis Magos mantense no domingo 5 pero cunha lixeira adaptación do percorrido para evitar zonas máis expostas ao vento. Comezará ás 18 horas desde a rolda de Camilo José Cela, entre o Barrio das Flores e Monelos. A comitiva percorrerá as rúas Pérez Ardá e Fernández Latorre -en lugar da Ramón y Cajal prevista inicialmente- ata Linares Rivas, praza de Ourense, os Cantóns e a Marina, rematando na praza de María Pita, onde os reis saudarán desde o balcón do Concello.

A cabalgata contará con 13 carrozas cunha temática invernal e cos participantes con traxes inspirados no ceo e as estrelas, como homenaxe ao 40 aniversario da Casa das Ciencias e do seu planetario.

Ourense

O Concello de Ourense apostou este sábado por adaptar o percorrido dos Reis Magos, que finalmente sairán o domingo 5 desde o Pavillon dos Remedios ás 18 horas e avanzarán polas rúas Progreso, Alameda (18.45 - 19.00h) ata a Praza Maior, onde terá lugar a recepción real sobre as 19.30h. Desta maneira, o equipo municipal escplica que garante as mellores condicións posibles para o desenvolvemento da actividade no contexto da chuvia prevista, especialmente para a ampla comitiva de animación, formada por máis de 200 persoas, que acompañará aos Magos no seu itinerario pola cidade. 

Cabalgata do pasado ano na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Santiago

A previsión de abundante chuvia para a tarde do domingo levou o Concello de Santiago a adiantar á tarde deste sábado 4 a celebración da súa cabalgata. A praza da Mercé de Conxo será o lugar desde o que saia ás 17.30 horas. Desde alí as cinco carrozas habilitadas ascenderán pola avenida de Ferrol, cuxo último treito será sen son nin música para persoas con sensibilidade especial. Despois a comitiva continuará por Frei Rosendo Salvado e a praza Roxa para seguir ata a rúa do Hórreo, rodear a praza de Galicia e entrar na zona vella pola Porta Faxeira, recorrer a rúa do Vilar e rematar na praza do Obradoiro entre as 19 e as 19.30 horas. O Pazo de Raxoi acollerá unha recepción das súas maxestades e unha chocolatada.

Lugo

En Lugo o Concello decidiu este venres manter a cabalgata o día 5. Sairá ás 18.00 horas do parque da Milagrosa e recorrerá a avenida da Coruña ata entrar na muralla pola Porta de San Fernando. Despois seguirá pola rúa San Marcos, a praza de Santo Domingo e a rúa da Raíña ata rematar no Concello ás 19.30 horas aproximadamente, onde os reis recibirán a nenas e nenos. O desfile contará con catro carrozas e 14 espectáculos que inclúen a partipación de 80 actrices, actores e músicas. Repartiranse 1.500 quilos de caramelos, ademais, as nenas e nenos que saúden aos Magos de Oriente no Concello recollerán un dos 3.000 cornetes de lambetadas, que levarán tamén un pequeno xoguete como recordo da chegada dos Magos a Lugo.

Pontevedra

En Pontevedra o Concello tamén decidiu manter a cabalgata o domingo 5 e o que fará en caso de chuvia será reducir o número de atraccións e grupos de instrumentos musicais, que poderían resultar danados. Comezará ás 18 horas na avenida de Lugo. As carrozas recorrerán as rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e rematarán na Alameda.

Ferrol

Ferrol tamén manterá a cabalgata o domingo 5, pero adapta os horarios e prescinde da chegada en barco das súas maxestades de Oriente a causa do mal tempo. A cabalgata sairá ás 17 horas da rúa Venezuela e recorrerá as rúas Colombia, estrada de Castela, Pontevedra, Cuntis, Roi Xordo, María, Méndez Núñez, Real, Rubalcava e rematará na praza de Armas. O primeiro treito do percorrido contará cun punto de silencio e sen luz para as persoas máis sensibles e na praza de Armas haberá unha tarima especial para as persoas con mobilidade reducida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.