Indianos, fósiles ou o día a día dun gandeiro: Barreiros presenta as súas novas visitas guiadas

Granxa Mantoño Holstein © Turismo Barreiros

Un ano máis, o Concello de Barreiros organiza o programa de visitas guiadas Barreiros queda en ti, un conxunto de iniciativas turísticas para atraer turismo e dar máis contido á súa estadía na Mariña

Un ano máis, o Concello de Barreiros organiza o programa de visitas guiadas Barreiros queda en ti, un conxunto de iniciativas turísticas para atraer visitantes e dar máis contido á súa estadía na Mariña. O programa consta de cinco percorridos de diferentes temáticas e en diferentes localizacións do municipio, tanto de interior como de costa, que permitirán coñecer mellor o territorio e tamén as actividades que se levan a cabo na comarca.

As visitas, que se desenvolverán nos sábados entre o 8 de xullo e o 19 de agosto permitirán achegarse, por exemplo, ao día a día dunha granxa gandeira. Tamén coñecer a riqueza xeolóxica ou a patrimonial, coas vivendas habaneiras de San Miguel de Reinante. E, por suposto, a fermosura do seu litoral.

Cartel das visitas guiadas organizadas polo Concello de Barreiros © Concello de Barreiros

As visitas permitirán achegarse, por exemplo, ao día a día dunha granxa gandeira. Tamén coñecer a riqueza xeolóxica ou a patrimonial, coas vivendas habaneiras de San Miguel de Reinante. E, por suposto, a fermosura do seu litoral

Segundo Ana Ermida, Alcaldesa e Concelleira de Turismo, “en Barreiros contamos con numerosos recursos turísticos dos que estar orgullosos, tanto pola súa beleza como polos seus valores e este programa danos a oportunidade de achegarnos a eles dunha forma máis completa”.

Ermida destaca que “agardamos seguir dando pasos para ampliar a perspectiva turística de Barreiros e poñer así en valor o patrimonio que, ás veces, semella estar agochado e que, sen embargo, se atopa moi presente entre todas e todos nós”.

Ana Ermida, Alcaldesa e Concelleira de Turismo, destaca que “en Barreiros contamos con numerosos recursos turísticos dos que estar orgullosos, tanto pola súa beleza como polos seus valores e este programa danos a oportunidade de achegarnos a eles dunha forma máis completa”

  • A vida aos pés do Mar Pequeno. Un curto percorrido aos pés da ría aproveitando a baixamar para coñecer máis de preto este espazo natural desde o punto de vista ambiental pero tamén cultural. A beleza paisaxística deste espazo será o marco para descubrir os seus numerosos valores e mesmo curiosidades. Será un percorrido circular regresando ao punto de partida a través do Camiño Natural do Cantábrico.
  • O día a día dun gandeiro. Visita á granxa Mantoño Holstein. Co obxectivo de poñer en valor un dos sectores económicos clave ao longo da historia de Barreiros e coa colaboración da gandaría de leite vacún Mantoño Holstein, descubrirase a labor diaria, o meritorio traballo e coñecementos dos gandeiros e gandeiras, así como as instalacións dunha das mellores granxas do país.
Casa de Indianos en San Miguel de Reinante CC-BY-SA Iago Pillado

“Agardamos seguir dando pasos para ampliar a perspectiva turística de Barreiros e poñer así en valor o patrimonio que, ás veces, semella estar agochado e que, sen embargo, se atopa moi presente entre todas e todos nós”, di Ermida

  • Rutas xeolóxicas Litoral de Barreiros. Un percorrido polo litoral de Barreiros no que as praias e cantís revelarán a súa orixe, o seu percorrido polo planeta e o motivo polo que se sitúan aquí. Un itinerario entre furnas, pregues, intrusións de rochas magmáticas e mesmo restos fósiles que non nos deixará indiferentes.
  • San Miguel de Reinante, pasado moi presente. Neste paseo farase unha retrospectiva sobre a vida no pobo a través dun percorrido por diferentes vestixios patrimoniais que son testemuñas do pasado.  De entre todo este legado destacan, en número, as distinguidas vivendas habaneras, protagonistas e dominantes na paisaxe rural e urbana nun dos municipios galegos con máis patrimonio indiano.
  • Santo Estevo do Ermo, refuxio de biodiversidade e patrimonio. A través deste itinerario retrocederase milleiros de anos mergullándose na historia, patrimonio material e inmaterial, nos valores da fraga e nas orixes dalgunhas das especies que aquí se atopan. Máis aló da súa fervenza este pequeno bosque autóctono é unha caixa de sorpresas, un lugar para apreciar como se merece.

Todas as rutas son gratuítas. As persoas interesadas poden consultar toda a información e inscribirse páxina web de turismo municipal www.barreirosturismo.gal

Praia en Barreiros © Concello de Barreiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.