Instagram levanta o veto ás imaxes do cocido galego que eliminara

Unha das imaxes do cocido que foron eliminadas por Instagram ©

Unha semana despois da eliminación por parte de Instagram dunhas fotografías dun cocido galego, a rede social propiedade de Facebook ergueu o veto á súa publicación. Trala polémica xerada pola súa supresión, as imaxes do vigués Richard Barreira volven ser visibles e a dirección de Facebook en España mesmo se desculpou por teléfono co alcalde de Lalín, José Crespo, alegando que se producira un "erro técnico" nun dos algoritmos empregados pola compañía. Facíao en resposta á carta que o rexedor remitira nos días anteriores.

Unha semana despois da eliminación das imaxes por incorrer en "violencia gráfica" a compañía permite a súa publicación e alega que se produciu un "erro técnico"

A pasada semana Richard Barreira vía como unha publicación de varias fotografías celebrando o "primeiro cocido da tempada" na casa da súa nai era retirada pola compañía, da que recibiu unha mensaxe automática na que se lle comunicaba que as imaxes "infrinxiran as normas comunitarias" por "violencia gráfica, linguaxe que incita ao acoso, violencia e bullying ou espidos e actividade sexual". Barreira denunciou publicamente o sucedido e reclamou que as institucións se posicionasen "contra este atropelo á nosa cultura gastronómica".

Despois de varios días, nos que mesmo entidade como Galicia Calidade ou o Día Internacional do Cocido expresaron o seu apoio, publicando imaxes de cocidos nesta e noutras redes sociais, Facebook España corrixiu o seu erro. Non só permitiu a publicación, senón que se dirixiu expresamente a algunha das institucións e organizacións que criticaran publicamente o sucedido.

Unha das imaxes do cocido que foron eliminadas por Instagram ©

A responsable de Facebook en España desculpouse por teléfono con José Crespo, alcalde de Lalín

Lola Baños, responsable de Facebook en España desculpouse polo "erro técnico" e polas "molestias" que puido ter provocado. En resposta, José Crespo convidou expresamente á dirección da compañía a visitar Lalín durante a Feira do Cocido.

Tamén Richard Barreira celebrou a decisión, recuperando a publicación que fora eliminada e pechando o texto sinalando que “ser galego e non amar o cocido é una contradición mesmo biolóxica".

Mensaxe que o vigués Richard Barreira recibiu trala eliminación das súas imaxes ©
Unha das imaxes do cocido que foron eliminadas por Instagram ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.