Iván Ferreiro e Caxade, pórtico e peche do día grande das festas da Ascensión en Santiago

Un grupo de música tradicional, nas festas da Ascensión de 2017 © Concello de Santiago

As festas compostelás da Ascensión viven este xoves, 10 de maio, o seu día grande. Na noite previa a música de Iván Ferreiro na praza da Quintana (con Delaporte dende as 21:30) serve de pórtico para a xornada festiva na capital galega, que pecharán no mesmo escenario Caxade e OqueStrada.

O xoves da Ascensión ten a súa primeira cita nun dos eventos máis tradicionais das festas compostelás, a Feira Cabalar no Mercado Nacional de Gando, en Amio. Nas probas para cabalos e eguas participarán gandarías dunha quincena de municipios nunha mostra na que a feira recupera a exhibición de andadura tradicional galega. 

Xa contra o mediodía, mentres en Amio remata a feira cabalar no centro da cidade será a quenda para outra as figuras máis senlleiras da Ascensión, os cabezudos, que percorrerán o casco histórico dende a Praza das Praterías a partir das 12. Á unha da tarde chegará a primeira sesión vermú da ascensión co abanda Cachas&Cousins, da propia cidade, que interpretarán "sons xamaicanos dos anos 60".

Dende as seis da tarde a banda sonora do día grande da Ascensión virará cara ás músicas tradicionais do país co certame Folk na Rúa, no que son protagonistas as agrupacións Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia. Contra as oito da tarde todas elas finalizarán os seus percorridos musicais cunha actuación conxunta na praza da Acibecharía.

As festas continúan ata o domingo e inclúen o concerto que conmemorará o 170º aniversario da Banda Municipal compostelá nunha actuación conxunta coa Real Filharmonía de Galicia

O menú musical do día grande da Ascensión desemboca na Quintana. Alí ecoarán as músicas dos lisboetas OqueStrada e mais dos galegos Caxade, que coma sempre prometen "música elegante, modesta e sinxela, surrealismo pos-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico".

As festas de Santiago continúan ata o vindeiro domingo cun programa ao que volven as sesións vermú con actuacións como as de Esteban e Manuel (sábado, 12:30 na praza de Cervantes) e no que hai un concerto especialmente sinalado, o que conmemora os 170 anos da Banda Municipal de Santiago. Para conmemorar o aniversario a banda compartirá escenario por primeira vez coa Real Filharmonía de Galicia nunha interpretación especial comandada polos directores de ambas formacións, Maximino Zumalave e Casiano Mouriño, dende as 20:30 do sábado na Quintana.

Concerto de Caxade Dominio Público Implicadas no Desenvolvemento
Iván Ferreiro © Wilma Lorenzo / ivanferreiro.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.