Lugo xa arrecende ao San Froilán máis longo

Lara Méndez (dereita) e Carmen Basadre, presentando as festas no balcón do Concello © Concello de Lugo

As casetas do polbo xa ultiman a súa montaxe nas costas do Parque Rosalía de Castro, o recinto feiral está xa listo para recibir as casetas dos feirantes e no Concello quecen motores para desenvolver máis de 200 actividades e recibir arredor de medio millón de persoas. Lugo arrecende xa ás súas festas do San Froilán, os días grandes da cidade da Muralla, que nesta ocasión terán os máis prolongados dos últimos anos. O calendario permite que o tradicional período festivo, do 4 ao 12 de outubro, comece oficialmente o día 3 e, a efectos prácticos, o día 2, abrindo así un período de case dúas semanas de festa.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de presentar o programa íntegro do que será o seu primeiro San Froilán co bastón de mando na man e asegura que a súa aspiración é que estas sexan unhas "festas de todos". Xunto á edil de Cultura, Carmen Basadre, debullan un programa festivo que, aseguran, terá a música tradicional do país como "banda sonora", e que comezará a despregarse un día ante do inicio das festas, o día 2, coa foliada organizada polo colectivo LGTB Alas e a "noite aberta" do comercio lucense.

O sábado 3, primeiro día oficial das festas, o tradicional desfile de gando será a primeira cita destacada dunha xornada na que o escritor Darío Xohán Cabana pregoará as patronais lucenses dende a Casa do Concello. A música da xornada virá por partida tripla: os Festicultores pola zona dos viños, Los Chikos del Maíz na Horta do Seminario e Annie B Sweet na Praza de Santa María. Tras este pórtico, o domingo día 4 haberá música dende primeiras horas, sesión vermú organizada polo Concello e pola noite subirá ao escenario da Horta do Seminario unha das estrelas do programa, Kiko Veneno.

O programa inclúe 200 actividades para case dúas semanas nas que se agardan medio millón de visitas

Este será o pórtico do primeiro dos días grandes das festas, o día de San Froilán, no que as citas musicais máis relevantes serán, a mediodía, a actuación de Vaamonde, Lamas e Romero coa banda municipal de Lugo, e pola noite, Treixadura co coro Cantigas e Agarimos. Cando remate este segundo concerto será a quenda para a sesión de fogos artificiais, que o Concello recomenda observar dende a contorna da rúa Noriega Varela.

O Concello afirma que a música tradicional será a "banda sonora" do San Froilán

Uxía e Narf, o día 7, Carlos Jean, o 8, M Clan, o día 9, ou Siniestro Total, o 10, forman tamén parte dun programa na que a música tradicional será tamén o protagonista do outro día máis sinalado, o Domingo das Mozas, que nesta ocasión será o 11 de outubro. Nesa xornada desenvolverase a mostra de música tradicional durante máis de seis horas por todo o casco histórico e, xa polo serán, Luar na Lubre soará dende a Horta do Seminario. O concerto de Delorean e a verbena con Costa Dorada pecharán as festas o luns, día 12.

Cartel do San Froilán 2015 © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.