'Nos seus pés': cita solidaria, gastronómica e cultural no Grove para axudar as persoas refuxiadas

A pasada edición do festival solidario Nos seus pés, no Grove © Nos seus pés

O festival solidario para as persoas refuxiadas Nos seus pés consolídase no Grove e celebra a quinta edición demostrando que non hai iniciativa pequena. "Aquí está a esencia da solidariedade", asegura o cociñeiro Javier Olleros

O festival solidario para as persoas refuxiadas Nos seus pés consolídase no Grove e celebra a quinta edición demostrando que non hai iniciativa pequena. "Aquí está a esencia da solidariedade, non hai que buscar grandes eventos. Con estas pequenas accións de xente concienciada, con ilusión e con vontade de preocuparse polos demais é como se poden ir movendo as cousas", asegura Javier Olleros, cociñeiro á fronte do restaurante Culler de Pau e un dos impulsores desta cita que se celebra ata o domingo. 

Nos seus pés conseguiu doar 40.000 euros de forma íntegra a asociacións de axuda humanitaria, grazas á colaboración de cociñeiros do país que participan coas súas achegas gastronómicas, ás artistas que participan desde o escenario nos concertos e a todas as persoas voluntarias que aportan o seu gran de area organizando outras actividades de ocio arredor da cita promovida por Mar Benavides tras servir como voluntaria no campo de refuxiados de Eleonas, en Grecia. 

O cociñeiro do Grove Javier Olleros na edición de 2022 © Nos seus pés

"Con que pouquiño facemos algo, aínda que é algo que deberan facer outros. Pero eu creo que os cambios teñen que ir por aí, a sociedade civil é a que ten que reclamar e pasar á acción para que quen nos xestiona e fai as leis se decate de que non se pode esquecer das persoas e das súas necesidades nun mundo cambiante", defende o cociñeiro grovense. 

O obxectivo do festival é "facer visible a situación, educar e recadar fondos para axudar" as organizacións que traballan na primeira liña coas persoas refuxiadas que buscan chegar a Europa por vía mariña. Despois de que o Goberno grego pechase o campo de refuxiados de Eleonas, os cartos conseguidos en Nos seus pés van directamente a ProemAID, un equipo español composto por profesionais de emerxencias que voluntariamente ofrecen axuda desde 2015 no sueste da illa grega de Lesbos e desde 2017 tamén no Mediterráneo Central. 

"Achegar a nosa cociña nun evento solidario deste tipo é moi bonito, ademais, o perfil de público que vén o festival non pode vir a este tipo de restaurantes normalmente", salienta Javier Olleros

Este venres ás 20.30 horas celébrase un Tapeo Solidario no que Javier Olleros, o único cociñeiro con dúas estrelas Michelín e unha estrela Verde Michelín no seu restaurante Culler de Pau, estará acompañado por Javier González, que co restaurante Rexidora foi o primero ourensán con estrela Michelin; por Marta Fernández e Roberto Filgueira, chefs de O Balado, tamén cunha estrela Verde Michelín; Alberto Cruz do restaurante Landua, recoñecido cun Sol Repsol, na aldea de O Fieiro (Mazaricos); Álvaro Fuentes, do Meloxeira Praia do Grove; e Marcos Otero da tamén grovense Afuego Tapería. 

"Estoulles moi agradecido a todos porque levantas o teléfono e sempre están dispostos a colaborar. Para nós é unha oportunidade de ofrecer unha tapa do que facemos nos nosos restaurantes a moita xente. Achegar a nosa cociña nun evento solidario deste tipo é moi bonito, ademais, o perfil de público que vén o festival non pode vir a este tipo de restaurantes normalmente, así que isto tamén é unha forma de compartir o noso traballo", explica Olleros. 

Cartaz desta edición do festival CC-BY-SA Nos seus pés

"Hai que xerar esa empatía para entender o drama que sofre moita xente e do que nós non estamos libres", salienta Olleros

A crise dos refuxiados non rematou e Europa ten unha responsabilidade que non pode eludir. Para Javier Olleros as guerras, os conflitos militares e políticos e a propia crise climática seguen expulsando a persoas das súas casas. "É clave poñerse no lugar dos demais, no lugar desa famila que ten que escapar sen nada ou dun pai ou unha nai que deixa aos seus fillos a alguén que non coñecen para que atravese o mar nun cayuco en busca dun futuro. Hai que xerar esa empatía para entender o drama que sofre moita xente e do que nós non estamos libres. Isto pódelle pasar a calquera nun momento dado, ninguén é xuíz para decidir quen vive nun lugar ou noutro; e é terrible que as políticas criminalicen a esta xente que precisa un fogar e acomodar a súa vida, como lle gustaría a calquera", salienta o grovense. 

O sábado haberá actuacións de Lucía Aldao, Grampoder, Visi e Treinteañeras Cañeras, e o domingo o festival trasládase ata o Naútico de San Vicente do Mar

O festival Nos seus pés estará o sábado cargado de música, dende o mediodía a sesión vermú terá música en directo a cargo de The Freshkiños e un espectáculo de Michu da Rocha. Ás 17.30 as crianzas poderán participar en obradoiros de xogos e pintacaras, ademais dun concerto especialmente deseñado para a infancia. 

Na noite do sábado, a partir das dez chegan as actuacións de Lucía Aldao, Grampoder, Visi e Treinteañeras Cañeras. Aldao presentará as cancións dos seus traballos Pava e Pava2 e o dúo compostelán Grampoder, formado por Roi Fernández e Martiño Suárez, os temas do seu último álbum, PM

O domingo o festival trasládase ata o Naútico de San Vicente do Mar, onde organizan unha sesión vermú que se estenderá ata a tarde. Haberá 'paella solidaria' a cargo de Javier Olleros para xantar e música de Tomás Porteiro e Mürt. As entradas poden adquirirse aquí

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.