Apego é un proxecto cooperativo de varios concellos co que se busca promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia. Impulsado xa hai anos, chega a tal hora a máis de vinte municipios do país e abrangue milleiros de familias e pequenos.
“Apego quere que reflexionemos sobre a importancia que ten falarlles en galego aos pequenos desde que nacen e axudar con argumentos e información”
“Apego quere que reflexionemos sobre a importancia que ten falarlles en galego desde que nacen e axudar con argumentos e información”, explica o proxecto Apego en Santiago, desenvolvido polo Departamento de Lingua Galega do Concello. Na capital, son arredor de 400 as familias que participan coas súas crianzas nas múltiples e variadas actividades que ofrece esta iniciativa dirixida a todas aquelas que esperan un bebé o que xa o teñen con idade inferior a seis anos.
O proxecto apoia as familias que deciden criar os fillos e fillas na lingua galega con actividades e recursos para facilitar esta “importante escolla”, ademais de “crear redes e comunidade” coa xente que “valora un futuro de seguridade, empatía e autoestima” para as súas crianzas arredor da lingua.
Nun país onde as estatísticas sinalan que tan apenas o 18% dos nenos e nenas aprende a falar en galego, onde o 40% dos centros de Infantil das cidades non usa a lingua propia para nada e onde a escola actúa como un axente “desgaleguizador”, como advirte a Academia, proxectos como o de Apego fanse moi necesarios.
“O pai e mais eu falamos en galego de toda a vida, así que a nosa decisión de apuntarnos non foi porque non o falaramos, pero si porque queríamos que as nosas fillas acudisen a actividades na nosa lingua, que comprobasen que o galego non está só na casa senón que serve para todo e en todos lugares e que accedesen á música, os contos ou o teatro na nosa lingua”, reivindica Yolanda Redondo, nai de Ximena (4 anos), Mencía (2) e Celtia (1), habituais a diferentes citas de Apego en Santiago.
"Queríamos que acudisen a actividades na nosa lingua, que comprobasen que o galego non está só na casa", di Yolanda, nai de tres nenas habituais do Apego
Descubriu o proxecto a través dunha actividade anunciada en Facebook, acudiu ao Departamento de Lingua Galega do Concello e apuntouse. Outras moitas familias fixérono a través do formulario dispoñible en apego.gal, escribindo a dgl@santiagodecompostela.gal ou chamando ao 981542409. Todas acudiron despois a unha entrevista onde recibiron a caixa de benvida con diversos materiais tras unha charla sobre a iniciativa e os intereses comúns.
A partir de aí, Ximena, Mencía e Celtia empezaron a acudir ás actividades. “Gústalles moito; o que máis, o teatro”, explica Yolanda que recoñece que Apego “axuda” á socialización en galego ante situacións como a da filla maior. “En canto comezou o colexio foi deixando de falar galego porque no colexio era das poucas que o usaba”, explica quen gaba a iniciativa pero pide “implicación” e responsabilidade tamén nos centros de ensino.
“Non pode ser que se sinta rara por falar en galego”, engade Yolanda ante unha situación que, xustamente, contrapón á das actividades de Apego, onde a rapazada socializa, xoga e goza en galego de diferentes actividades.
“As actividades están ateigadas, sempre hai moitos pequenos e, de non apuntarte no primeiro momento, moitas veces xa non tes sitio”, asegura esta nai de Santiago, que pide máis prazas ou oferta nun proxecto Apego grazas ao cal, explica, descubriu “novos grupos, actividades ou obras como as que nos achegan cancións tradicionais”. “Sempre aprendes cousas novas”, engade.
En Santiago, as actividades son continuas durante practicamente todas as semanas, xuntando bastantes máis dun cento durante todo o ano e unha media que supera as dez cada mes. Nelas inclúense obradoiros, feiras, rutas, contacontos, teatro ou música, ao que hai que engadir todo o material que se lles facilita ás familias ou ao que se pode acceder a través da páxina web.
Santiago acolle máis dun cento de actividades de Apego durante o ano
Neste mes de decembro, por exemplo, e á marxe da Festa Apego do sábado 22, en Santiago o proxecto achegou espectáculos de títeres en igualdade, contos, maxia, baile ou obradoiros de xogos de mesa. En galego e para os máis pequenos.