Pesadelo en Coruxo: Queres ser zombie ou runner?

Dominio Público Praza Pública

Queres ser zombie ou runnerChega a Galicia un evento friki con millóns de afeccionados en todo o mundo. Trátase dunha carreira de cinco quilómetros polo monte (neste caso na Subida de San Sebastián, en Vigo) na que un grupo de participantes -zombies-, convenientemente maquillados, persegue outro grupo -corredores-, que debe chegar á meta para salvar a súa vida. Será o 29 de xullo e xa se pode reservar praza.

Estas carreiras teñen a súa orixe nos Estados Unidos, onde reúnen milleiros de participantes, e nos vindeiros meses realizaranse en Madrid (2 de xuño), Barcelona (9 de xuño) e Vigo. É moi sinxelo: trátase de correr cinco quilómetros campo a través, nun circuíto inzado de obstáculos e co obxectivo de chegar a un lugar sinalado como meta. As dificultades aumentan porque ademais dos obstáculos físicos, os corredores deben evitar e fuxir dun grupo de perseguidores moi perigoso: zombies. No percorrido haberá membros da organización, que exercerán de árbitros e asegurarán que se cumpren as regras, e os participantes poden atopar algúns personaxes externos que colaborarán con eles para acadar o seu obxectivo.

Os participantes, que irán saíndo en grupos pequenos, cada cinco minutos, poden elixir en calquera caso entre seren zombies ou corredores, cazadores ou cazados. O obxectivo dos zombies é conseguir o maior número posible de cintas de cores (que os corredores levan na cintura) e para iso poden coordinarse por radio e organizar emboscadas.

Xa se poden mercar as entradas para o evento de Vigo, que comezará ás 11 da mañá do 29 de xullo. Os prezos, entre 15 e 25 euros (se se quere reservar unha hora de saída concreta, para poder ir nun grupo de amigos), inclúen o equipamento e a maquillaxe, así coma unha bolsa con merchandising.

Imaxe dun evento celebrado nos Estados Unidos Dominio Público Praza Pública
Imaxe dos montes de Coruxo nos que se celebrará a carreira Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.