Revenidas: festa diversa, solidariedade e sardiñada á beira da ría de Arousa

Presentación do Revenidas 2017, este martes en Vilaxoán © Deputación de Pontevedra

Vai alá medio verán, pero queda moito festival. Unha das citas sinaladas no verán festivaleiro galego dende hai xa case década e media é o Revenidas de Vilaxoán, que afronta a súa décimo cuarta edición cunha dimensión moito maior da que tiña cando deu os primeiros pasos pero mantendo intacto o espírito co que naceu: música diversa de Galicia e doutros moitos países, unha vertente solidaria e, coma sempre, as tradicionais e populares sardiñas revenidas.

Agora integrado nos Festivais Rías Baixas, a marca que agrupa nove eventos musicais e festivos da provincia de Pontevedra, o Revenidas 2017 presentou este martes o cartel definitivo que levará a Vilaxoán do 18 ao 20 de agosto unha morea de estilos musicais e non menos actividades paralelas. A cerna da programació musical comeza o venres, día 18, con grupos como La Pegatina, Terbutalina, Esne Beltza ou Vendetta; o sábado é a quenda de Riot Propaganda, Desakato ou Dakidarría e o domingo, de grupos e artigas como Auxili, Txarango ou Bohemian Betyars.

Son, en suma, unha trintena de bandas nas que, salienta o director do festival, Xoán Quintáns, destacan un bo número de "mulleres bravas, que amosan os seus sentimentos a través da música". É o caso, por exemplo, de Sara Hebe, Pupil·les, De Vacas, Vodoo, Bolboreta, Ugía Pedreira ou Najla Shami. Xunto a elas, outro punto forte do certame é o Festival das Linguas, integrado na programación, con músicas de todo o mundo en galego, castelán, catalán, euskera, inglés ou húngaro, entre outras.

O Revenidas 2017 achega unha trintena de bandas a Vilaxoán do 18 ao 20 de agosto e incrementa desta volta a súa oferta gastronómica e de actividades paralelas

A presentación do Revenidas 2017, que combina actividades de balde con outras de pago -as dos escenarios Mahou e Deleite- estivo apoiada pola Deputación de Pontevedra a través da súa presidenta, Carmela Silva, quen destaca o "importante papel" das bandas femininas no festival". "No mundo da música hai moitas mulleres talentosas e por iso teñen que ter relevancia e festivais coma este". Silva gaba tamén a vertente solidaria do festival, como a Gran Gala de Circo Solidaria 'Flores contra o esquecemento'. "Síntome moi honrada pola mensaxe que se lanza este ano dende Vilaxoán, que as persoas refuxiadas son benvidas", sinala. 

O responsable de Cultura da entidade provincial, Xosé Leal, así como o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, apoiaron tamén coa súa presenza un festival que desta volta amplía a súa oferta gastronómica alén da tradicional Sardiñada Popular e ofrece actividades como unha "experiencia marítima en familia" pola ría arousá. Só resta vivilo e comprobar, en verbas de Xurxo Souto, que "non hai experiencia musical máis bonita que cantar en Vilaxoán; cantar e ver como che está a dar na cara o vento mareiro", dixo no acto.

Xurxo Souto, durante a presentación do Revenidas 2017 © Revenidas
Carmela Silva e Xoán Quintáns, director do festival © Revenidas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.