Este ano a Pascua foi serodia e iso provoca que tamén o sexan as Festas da Ascensión, a cita festiva de referencia na primavera de Santiago, as festas que adoitan estar máis enfocadas á veciñanza compostelá e mesmo tamén ao estudantado universitario antes de que, xa no verán, o Apóstolo olle tamén cara ao turismo. O Concello da capital galega vén de facer públicas as grandes liñas dun programa que desta volta trae consigo entre os seus principais actractivos o retorno do portugués Salvador Sobral tras o seu aclamado paso pola cidade o pasado outono e un fin de festa cos Novedades Carminha a xogar na casa.
O cantautor portugués regresa a Compostela no marco do espectáculo Lorca namorado, creado por Abe Rábade
O 29 de maio, véspera do xoves da Ascensión, comeza un programa festivo que, como adoito, abrirá co concerto organizado pola emisora Los 40 Principales, que adoita xuntar máis público mozo. Desta volta estará protagonizado por varios participantes do concurso televisivo Operación Triunfo, entre eles o o galego Roi Méndez.
O xoves, día grande das festas, será a xornada do regreso de Sobral. Volve no marco do espectáculo Lorca Namorado, un proxecto de Abe Rábade construído en torno aos Seis Poemas Galegos no que participa o cantautor portugués e tamén outros artistas como Kike Morente, Davide Salvado, Susana Seivane ou o propio Abe Rábade.
Susana Seivane volverá subir ao escenario da Quintana xunto a Baiuca, o proxecto que mestura a electrónica coa música tradicional
A gaiteira da Fonsagrada volverá subir ao escenario da Quintana ao día seguinte, o venres 31. Nesa ocasión acompañada de Baiuca, o novo proxecto musical de Alejandro Guillán, que mestura a electrónica coa música tradicional. O sábado 1 o escenario principal da Quintana acollerá o concerto de Novedades Carminha; a banda compostelá retorna á súa cidade neste caso con novo disco, Ultraligero.
Programa Artellando e citas tradicionais
Un ano máis os grandes concertos da Quintana combínanse coas actividades artísticas de pequeno formato integradas no programa Artellando. Segundo a programación avanzada este luns pola edil compostelá de Acción Cultural, Branca Novoneyra, Artellando na Noite inclúe neste 2019 concertos no Toural con Davide Salvado (mércores, 29), Germán Díaz e Benxamín Otero (xoves, 30), Najla Shami (venres, 31) e o espectáculo de músicas do Mediterráneo De mar a Mar (sábado, 1).
O programa Artellando trae consigo espectáculos de artistas como Davide Salvado, Najla Shami, Brassica Rapa ou Chicharrón, entre outros
As actividades diurnas de Artellando inclúen sesións vermú con bandas como Brassica Rapa ou Chicharrón, espectáculos infantís como Sira e o Robot ou unha cita co circo contemporáneo, o xoves 30 na Praza Roxa. Tamén espectáculos teatrais no programa A festa no Teatro Principal.
Alén das actividades específicas do programa do 2019 as Festas da Ascensión inclúen tamén as citas máis tradicionais da Ascensión. É o caso da Feira Cabalar, as orquestras na Alameda, a Festa dos Maiores ou a xornada Folk na Rúa. A programación festiva é anunciada este ano cun cartaz deseñado por Iria Ribadomar, que amosa unha interpretación actualizada da imaxe de Maruxa e Coralia, As Marías.