San Pedro: Dez anos de festas no barrio de todas e todos

Unha imaxe das festas do pasado ano Dominio Público http://fbsp.info/

"Amor de Barrio". Este é o lema das Festas do Barrio de San Pedro, en Compostela, que comezan este martes e que neste ano chegan á súa edición. O lema non é casual, e resume ben os obxectivos e a filosofía da Comisión de Festas encargada de organizar os eventos coa colaboración da Asociación Veciñal A Xuntanza, os comerciantes do barrio os veciños e veciñas do lugar. O barrio de San Pedro é un dos máis activos de Galicia; destaca por ter unha poboación nova e imaxinativa, e un tecido comercial que tamén foi apostando pola orixinalidade e a especialización. A Festa da Primavera as propias festas do barrio ou a celebración doutros eventos, coma o Día do Barrio, son unha boa mostra.

Barrios hai moitos e abofé que en moitas cidades e vilas de Galicia se celebran festas cunha gran raigame popular e unha notable participación dos veciños e veciñas. Pero tamén é certo que é unha forma de vivir e de relacionarse co hábitat e cos demais integrantes das nosas comunidades locais que se está a perder e que resulta dificil de manter e potenciar, sobre todo nos espazos urbanos, e moito máis naqueles coma San Pedro cunha gran mobilidade dos seus habitantes, moitos deles -se cadra a maioria- chegados á zona nos últimos anos. E mesmo así en San Pedro as festas -"as festas máis populares da cidade", destaca a Comisión de Festas- organízanse grazas ao traballo comunal dun número moi elevado de persoas. Máis de 150 voluntarias -"elas son maioría abrumadora", salientan- fan posible unhas 40 actividades de todos os xéneros nos cinco días.

O espírito da celebración exemplifícase no xa referido Día do Barrio, unha xornada de festa, pero tamén de embelecemento e decoración das rúas, prazas e fachadas, e tamén solidario, coa recollida de alimentos para a cociña económica. A Asociación de Veciñas e Veciños A Xuntanza, que organiza a actividade, salientaba daquela que "o barrio é a nosa casa e nós temos que ser os primeiros en coidalo, no día do barrio e nos outros días do ano".

As celebracións deste ano comezarán este martes ás 20.30 cunha "intervención colectiva" no Cruceiro de San Pedro consistente nun Grito ComunalÁs 21 horas haberá unha improvisación teatral na Praza da Angustia con The Momento Impro. E, para rematar a xornada, ás 23 horas haberá unha sesión de música-cine coa Banda Municipal, que musicará o filme O prestamista.

Na programación dos restantes días destacan as numerosas actividades para nenos e nenas e tamén os contacontos, que terán presenza case todas as xornadas. O xoves será o momento da celebración dunha gran foliada con Lagharteiras Vaamonde, Lamas e Romero e Radio Cos. As actividades comezarán a ocupar toda a xornada a medida que nos acheguemos á fin de semana: o venres os concertos da noite estarán protagonizados por Som do Galpom, Nao e Malandrómeda. O sábado haberá pasarrúas, astronomía, teatro na rúa, un roteiro polo barrio, batucada e unha gran verbena para pechar a noite. O domingo, o parque de Belvís acollerá unha romaría coa participación de Os Estalotes, Xandobela e a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.

Primeira edición das festas, en 2004 Dominio Público http://fbsp.info/
En San Pedro as festas vívense na rúa durante toda unha semana Dominio Público http://fbsp.info/
Todo o barrio colabora a organización das festas Dominio Público http://fbsp.info/
Até o domingo está prevista a celebración de 40 eventos Dominio Público http://fbsp.info/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.