Sinbad fai cinco anos. Festa!

Capa do blog Dominio Público Praza Pública

En febreiro de 2011, en paralelo coa posta en marcha de Praza Pública, nacía Se o vello Sinbad tivese fillos, un dos blogs ao que lle temos máis cariño e que leva cinco anos contando historias, anécdotas, dando consellos e amosando os primeiros pasos de varios e varias meniñas (e dos seus pais e nais). O blog, escrito de forma colectiva por Opaipai, Diminutísima e Naneira, naceu como "terapia de grupo sobre todas esas pequenas cousas de pequenos que fan que pais e nais nunca deixemos de ser bolseiros" e xa se converteu nun espazo de referencia sobre maternidade e paternidade en Galicia.

Para celebrar o seu quinto aniversario Se o vello Sinbad tivese fillos vai celebrar unha festa este sábado 11 en Vigo. Será no Mid Century Café (rúa Aragón, 19, no Calvario) a partir das 12 da mañá. A entrada é de balde e quen queira acudir pode apuntarse neste enlace. Na festa haberá sorteos, agasallos, música e photocall e o café acollerá ademais unha exposición.

Na festa Galileo Nenos amosará o seu catálogo de xoguetes en galegoPretty Cakes terá a súa propia mesa de tortas, chuches, cupcakes e demais lambonadas "para que os papis acompañen o vermú e os máis cativos collan forzas para botar uns bailes".

Na Festa Sinbad tamén haberá contacontos, en concreto Miguel Ángel Alonso Diz, autor de obras como O cullarapo Croque, A nena á que non deixaban ser feliz, O soño de Esther, O valente coello que quixo soñar, e Mel, unha mosca agradecida, todas ilustradas por Luz Beloso

A ilustradora Irene Sanjuán estará na festa facendo retratos dos nenos e nenas "ou, por que non, das familias enteiras ou de quen se deixe retratar". Ademais, na festa exporanse as obras de catro "dos artistas favoritos" do blog: Nuria Díaz, Iván R., Abi Castillo e Raúl Bermúdez, que estarán á venda.

Haberá igualmente un pequeno recuncho de libros da man da Libraría Cartabón. E tanto Edicións Xerais como Pretty Cakes agasallarán os e as premiadas nos sorteos catro lotiños de libros infantís e un sortido de doces, respectivamente. Os boletos para os sorteos daranse de balde con cada consumición ou venda no Mid Century café, así que cantos máis cafés, cañas, refrescos ou pasteis tomedes, máis oportunidades teredes de gañar.

Todo isto e moito máis haberá o sábado pola mañá nesta festaza, na que os e as organizadoras avisan de que "haberá sorpresas".

Miguel Ángel Alonso Diz contará contos Dominio Público Praza Pública
A ilustradora Irene Sanjuán estará na festa facendo retratos dos nenos e nenas (ou das familias) © Irene Sanjuán
Galileo Nenos amosará o seu catálogo de xoguetes en galego Dominio Público Praza Pública
Os doces serán cousa de Pretty Cakes Dominio Público Praza Pública
A festa completarase coa exposición de catro artistas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.