Unha Estrela da Morte no Gaiás?

As tropas imperiais con Ángel Curras o pasado verán © http://imperialstormtroopers.es/

“Hai anos que Campus Stellae, no noroeste do sistema galaico, é a base da Tropa Korriban dende que a cidade se someteu ó Imperio. Os soldados imperiais non o tiveron nada fácil impoñendo a orde e agora atópanse ante a maior alianza rebelde á que se teñen enfrentado ata o momento. Pero a Tropa Korriban non está disposta a renderse e avecíñase unha batalla difícil. Tanto imperiais como rebeldes enviaron mensaxes pedindo axuda por toda a galaxia e puxeron naos e aloxamento a disposición dos seus aliados”. 

O 25 de maio as tropas imperiais volverán desfilar por Compostela. Será o segundo Imperial Stormtroopers e coincidirá co 30 aniversario da estrea de O Retorno do Jedi. O desfile comezará no Campus Sur ás seis da tarde e atravesará a Alameda para rematar na Praza do Obradoiro onde é posible que haxa unha recepción do alcalde ou outras autoridades locais a Darth Vader, Han Solo e o xefe ewok. A banda municipal de música de Valga tocara durante o desfile e o seu remate.

Por suposto, o evento non se reducirá ao desfile e haberá un completo programa de actividades que incluirá unha exposición de Star Wars, xogos, instrución militar para o desfile, un xantar de irmanamento e pola noite festas en distintos locais. A participación no desfile é aberta e a organización mesmo orienta sobre as opcións para facerse cun traxe.

Quedan pouco máis de dúas semanas para o desfile pero xa estes días puido verse a algún Seminarista Jedi, un opositor para traballar para o Imperio e mesmo a Darth Vader pola Cidade da Cultura, onde constrúe a súa terceira Estrela da Morte. Iso si, quéixase de que "as obras están paralizadas". 

Cartel do evento © http://imperialstormtroopers.es/
As tropas imperiais con Ángel Curras o pasado verán © http://imperialstormtroopers.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.