Xaneiro de 1994: Ovnis en Outes?

A zona de Cando en Outes © http://patrimoniogalego.net

O 18 de xaneiro de 1994 houbo unha forte explosión na na parroquia de Cando, un estraño suceso que alimentou as teorías dos ufólogos, pero que ten explicacións máis plausibles na explosión dunha burbulla subterránea de gas ou mesmo na caída dun meteorito. Coñécese coma o evento de Cando ou o suceso de Cando. A explosión deixou un cráter de 25 metros de diámetro por 1,5 de profundidade e varios piñeiros apareceron desprazados a 60 metros de distancia. Dous días despois, o departamento de astronomía da USC iniciou unha investigación sobre o ocorrido, encabezada polos doutores José Ángel Docobo e Vakhtang Tamazian Arzakanian.

Aínda que nunca se deu cunha explicación definitiva, a máis aceptada relaciona a explosión cunha burbulla de gas subterráneo que agromou até a superficie nunha erupción repentina, debida probabelmente a un corremento de terras. Segundo o xeólogo checo Zdeněk Ceplecha a rápida acción convectiva ocasionaría unha separación da carga eléctrica abondo coma para provocar unha faísca e incendiar o gas. Tampouco se descarta por completo a caída dun corpo celeste, como se sospeita que ocorreu no famoso caso siberiano de Tunguska.

Por suposto hai outras teorías coma as que relacionan a explosión con algunha actividade militar non recoñecida e tamén coa actividade dun ovni. Neste relato inclúense presuntas testemuñas en Brión, Porto do Son, O Portiño ou Noia que aseguran ter visto "cruzando o ceo a gran velocidade e con traxectoria descendente un obxecto luminoso seguido dunha estela brillante". Estas teorías apúntanse á explicación do uso dunha "arma de plasma" que o exército non quere recoñecer.

A zona de Cando en Outes © http://patrimoniogalego.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.