A experiencia piloto desta "revolucionaria experiencia" desenvolverase durante o programa íntegro das festas centrais de Lugo, comezando o 4 de outubro
Co gallo das festas do San Froilán, a startup Wonder Experience, finalista da segunda edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta, vai poñer en marcha en Lugo unha iniciativa de dinamización turística que ofrecerá, a través de xeolocalización rutas personalizadas baseadas nos intereses dos usuarios e usuarias.
A experiencia piloto desta "revolucionaria experiencia", que adopta o nome de "Xiana Mei", na honra da filla acabada de nacer dun dos compoñentes do equipo, desenvolverase durante o programa íntegro das festas centrais de Lugo, comezando o 4 de outubro. Isto "facilitará a participación cidadá e a obtención de resultados dun público obxectivo máis amplo e diversificado", xa que está orientado á veciñanza da capital lucense, pero tamén a visitantes procedentes doutros lugares.
As persoas participantes na experiencia, ao completar a ruta e por visitar os lugares incluídos na plataforma, lograrán puntos, cos que competirán co resto de participantes por un premio final
Todas as persoas que participen poderán gozar de rutas personalizadas, nas que se inclúen lugares de interese turístico e empresas locais. A tecnoloxía aplicada para lograr esta experiencia baséase na xeolocalización do usuario e o xeomarketing segmentado.
Ademais, as persoas participantes na experiencia, ao completar a ruta e por visitar os lugares incluídos na plataforma, lograrán puntos, cos que competirán co resto de participantes por un premio final. Estes premios serán entregados ao finalizar o período de San Froilán.
Este proxecto está deseñado tamén para dinamizar o comercio local e proporcionar medidas fiables de consumo e gustos do turismo en tempo real
Este proxecto está deseñado tamén para dinamizar o comercio local e proporcionar medidas fiables de consumo e gustos do turismo en tempo real, conectando os destinos turísticos cos visitantes en tempo real, explican dende Wonder Experience.
Alejandro Liz, CTO de Wonder Experience, apunta que "estamos moi ilusionados con este lanzamento. Estamos convencidos de que a xente que a use se vai divertir consumindo en establecementos locais conseguindo puntos, á vez que goza de Lugo e San Froilán dunha forma diferente". Pola súa banda, Aránzazu Pérez, CEO da startup, asegura que, "con Xiana Mei imos conseguir validar funcionalidades que nos van a permitir seguir traballando na versión inicial da plataforma que estimamos lanzar durante o segundo trimestre do 2023".
As persoas interesadas en participar neste programa piloto poden acceder á versión “Xiana Mei” de Wonder Experience a través do enlace sanfroilan.wonderexperience.io
De igual xeito, os establecementos de Lugo (restaurantes, tendas...), que queiran participar como locais adheridos á iniciativa poden contactar con Wonder Experience no mail info@wonderexperience.io