15 anos dunha Árbore con raíces fortes

Programa de actividades do aniversario de Árbore Dominio Público Árbore

A cooperativa viguesa Consumo Consciente Árbore cumpre este sábado 15 anos de vida. Tres lustros de aposta “por unha economía social, ecolóxica e solidaria” que celebran con charlas, obradoiros, concertos, exposicións e proxeccións no local que a cooperativa ten no número 30 da rúa López Mora. “Foi unha aposta arriscada nun inicio, pero hoxe en día consolidamos un proxecto viable e imprescindible para unha sociedade máis xusta”, salientan desde a organización.

A primeira cooperativa galega de consumo consciente celebra o seu aniversario con diversas actividades

“Somos unha cooperativa de consumidoras sen ánimo de lucro, que xurde coma un proxecto socio-económico que garante o acceso a produtos ecolóxicos, locais e de comercio xusto, é dicir, produtos obtidos preferentemente na nosa contorna, libres de transxénicos e agrotóxicos, e cunha relación calidade-prezo equitativa para as/os produtoras/es e para nós”, defínense eles mesmos. E salientan que foron “a primeira cooperativa de consumo consciente e comercio xusto en Galiza, sendo pioneiras neste campo, e fomos referente e apoio para novos proxectos semellantes ao noso (Panxea, A Xoaniña, Zocamiñoca...)”. Desde Árbore tamén contribuíron a impulsar o movemento asociativo cooperativo, formando parte da Federación de Cooperativas de Galicia SINERXIA e recibiron diversos recoñecementos pola súa labor, entre eles o  premio pola promoción do cooperativismo da man do Consello Galego de Cooperativas en 2004.

As actividades que organizan este sábado en Vigo para celebrar o seu aniversario, e que continuarán no que queda de ano, afondan na súa contribución á “concienciación dun consumo responsable, do coidado do medio ambiente e doutro modelo de economía”.

Programa de actividades do aniversario de Árbore Dominio Público Árbore

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.