15/15\15, unha revista para unha revolución

Capa do número 0, lanzado para apoiar a campaña de crowdfunding Dominio Público Revista 15/15\15

"Cambiar a un mundo sen enerxías fósiles e sen crecemento material será toda unha revolución histórica e antropolóxica á altura da Revolución do Neolítico ou a Industrial. Toda Revolución necesita medios de comunicación que a axuden a conformarse e estenderse. E esta III Revolución necesítaos con urxencia". Deste xeito preséntase 15/15\15, unha revista de ámbito peninsular, con achegas de autores de todo o Estado español e Portugal e textos en galego, castelán, catalán, eúscaro e portugués, e centrada na reflexión e na actualidade ao redor das iniciativas de decrecemento e preocupadas polo esgotamento dos recursos materiais e enerxéticos que conforman a base do actual sistema económico. 

15/15\15 defínese como "unha revista para decrecentistas, transicionistas, peakoilers e ecoloxistas radicais na procura dun cambio de paradigma" e busca ser unha publicación "accesible", de xeito que axude a ampliar a conciencia da actual crise de civilización

15/15\15 defínese como "unha revista para decrecentistas, transicionistas, peakoilers e ecoloxistas radicais na procura dun cambio de paradigma" e busca ser unha publicación "accesible", de xeito que axude a ampliar a conciencia da actual crise de civilización "a capas cada vez más amplas das nosas sociedades". Hai uns días presentouse na rede e lanzou unha campaña de financiamento colectivo a través de Verkami que en menos dunha semana xa recadou case catro mil dos 5.740 euros que necesita.

"Ter menos (petróleo, coches, industrias, produtos de consumo, etc.) non significa necesariamente vivir peor"

Manuel Casal Lodeiro, un dos seus impulsores, destaca que "Dunha civilización baseada no petróleo e nos outros combustibles fósiles, e que é dependente dun crecemento permanente, imos ter que pasar en moi poucos anos a un novo tipo de civilización, máis local e agraria, menos urbana e con moita menos industria, que estará unicamente baseada na enerxía renovable". A revista describe este proceso como o Descenso ata un novo tipo de sociedades humanas, en equilibrio cos límites do planeta, e que non teñen que ser obrigadamente "peores cás actuais". "Ter menos (petróleo, coches, industrias, produtos de consumo, etc.) non significa necesariamente vivir peor", conclúen. Iso si, advirten de que de non tomarmos os propios cidadáns as rendas deste proceso de Descenso, pode acabar sendo tráxico e dominado por poderes de tipo neofeudal ou totalitario.

Boa parte dos seus impulsores paticiparon tamén na edición da Guía para o descenso enerxético e do Manifesto Derradeira Chamadadúas iniciativas de innegable éxito. "A xente está a reclamar información para comezar a actuar colectivamente ante a inminencia dun colapso civilizatorio", destacan. "Parece que existe un máis rápido espallamento dunha conciencia difusa de que o sistema actual non pode continuar e conceptos máis xenéricos, máis sistémicos, como o da necesidade do Decrecemento parecen ir callando paseniña pero firmemente, polo menos nun sector máis "aberto" mentalmente das nosas sociedades", afirma Manuel Casal, que con todo dubida de que "sexa significativo ese medre da concienciación social no tema concreto do Teito do Petróleo".

Manuel Casal dubida de que "sexa significativo ese medre da concienciación social no tema concreto do Teito do Petróleo"

Casal Lodeiro destaca o éxito do manifesto Derradeira Chamada (cuxos impulsores veñen de abrir un espazo de difusión en eldiario.es), aínda que cre que é cedo para afirmar que as forzas políticas transformadoras "mudaron as súas preferencias". "Cando menos estase a comezar a dar un debate que tiña que chegar", destaca. "Se o Manifesto está a servir para algo é para obrigar a afloraren as contradicións nas formacións de esquerda con respecto á dicotomía produtivismo neokeynesianista vs. decrecemento", engade.

 

A revista

"Se o Manifesto está a servir para algo é para obrigar a afloraren as contradicións nas formacións de esquerda con respecto á dicotomía produtivismo neokeynesianista vs. decrecemento", engade

A revista (sempre e cando acade o seu obxectivo mínimo de financiamento, que marcha a bo ritmo) combinará a publicación online, con novos artigos cada mes, cunha recompilación semestral impresa "e encadernada de maneira coherente cos valores ecoloxistas profundos da revista, co mínimo gasto enerxético e de materiais, e que lles será remitida por correo postal aos subscritores". Ao Consello de Redacción, formado por Pedro Prieto, Antonio Turiel, Jordi Solé, Carlos de Castro, Xoán Doldán, Marga Mediavilla, Begoña de Bernardo, Daniel Gómez e Manuel Casal Lodeiro, únese unha longa lista de colaboradores, entre os que destacan José Luís Valcarce, Henrique Pérez Lijó, Joám Evans, Joaquim Ballabrera, Marcos Celeiro ou Maria Castelo.

Para apoiar o proceso de financiamento colectivo iniciado, está xa na rede un nº 0 que busca amosar como pode ser o futuro 15 anos despois do 2015: un 2030 no que xa só quedará o 15% da enerxía neta do petróleo. Este número 0 tamén se publicará nun formato físico, e será enviado aos subscritores s subscritoras ao redor de xaneiro de 2015. O obxectivo é que as dúas seguintes recompilacións impresas (correspondetes ao primeiro e segundo semestre de 2015) se envíen en maio e novembro de 2015.

O que podemos ler é unha reflexión, simulando ter sido escrita dende ese 2030 por chegar, sobre a situación que neste momento vive a humanidade. Algúns dos textos son máis críticos ou buscan chamar a atención sobre os problemas que debe enfrontar a nosa sociedade; pero os máis deles sitúanse nunha posición optimista, salientando que "é posible" levar a cabo unha transición cara a un modelo distinto de economía e de formas de vivir. “O peor da transición social foron os primeiros anos, cando algunha xente aguantaba até o límite antes de procurar unha saída vital no rural”, destaca o profesor Xoán Doldán nunha entrevista simulada, na que fai un percorrido polos éxitos das estratexias e accións decrecentistas.

Doldán explica que "o primeiro paso consiste en desprenderse das certezas coas que temos medrado e convivido durante toda a nosa vida"

Doldán explica que "o primeiro paso consiste en desprenderse das certezas coas que temos medrado e convivido durante toda a nosa vida", subliña Manuel Casal. "Algúns autores como Jorge Riechmann falan dun proceso de conversión, utilizando conscientemente o coñecido termo relixioso" -explica- "Non deixa de ser unha relixión a que nos leva a crer que podemos seguir a medrar, que o modo de vida industrial-consumista pode continuar indefinidamente, que o mañá sempre será mellor co presente, que a tecnoloxía nos pode salvar de todo, etc.".

"Polo tanto é preciso desconverterse desa relixión para poder iniciar a transición e convertérmonos a un novo paradigma, que non é en realidade máis ca volver ao sentido común, á racionalidade de comprender que o planeta ten límites e que os temos superado de maneira suicida" -conclúe- "Axudar neste proceso, ollando para el de maneira práctica, narrando experiencias pioneiras de alá e de acolá, pero tamén desde un punto de vista filosófico e cultural, é o obxectivo central da revista 15/15\15".

Capa do número 0, lanzado para apoiar a campaña de crowdfunding Dominio Público Revista 15/15\15

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.