15M en Galicia: "Hai moito traballo feito e tamén moito por facer"

Remate da manifestación do 12M © Jorge M. de la Calle

A manifestación do 12 de maio deixou claro que, un ano despois, hai moitas máis razóns para volver á rúa, pero non só se falou de futuribles e desideratas; tamén de feitos, moitas cousas que se teñen conseguido ou que están en proceso de conseguirse, case nunca reflectidas en logros na política e institucións, pero si no asociacionismo e a cooperación cidadá, na información, concienciación e a unión de forzas.

Porque o 12m15m non serviu só para celebrar o ano de existencia do movemento 15M. Serviu, sobre todo, para visibilizar o traballo dun movemento cidadán que perdera eco nos mass media ao longo dos últimos meses, pero que nunca deixara de organizarse, mobilizarse e actuar de forma coordenada para conseguir os seus obxectivos.

Porque o 12m15m non serviu só para celebrar o ano de existencia do movemento 15M. Serviu, sobre todo, para visibilizar o traballo dun movemento cidadán que perdera eco nos mass media ao longo dos últimos meses, pero que nunca deixara de organizarse

Ao remate da manifestación en Compostela, deuse lectura ao manifesto cos puntos principais, as esixencias que lle formula a cidadanía ao sistema, e que se poden resumir en: democracia directa, participativa e asemblearia; auditoría cidadá da débeda pública, “nin un euro máis para a banca”; educación, sanidade e servizos sociais públicos, gratuítos de calidade e laicos, “non aos recortes no gasto público e á privatización destes servizos”; reparto do traballo, salario digno e retirada da reforma laboral; dereito a unha vivenda digna, dación en pago retroactiva e parque público de vivendas en alugueiro social; e reforma fiscal que redistribúa a riqueza “que producimos entre todas, que as necesidades básicas estean garantidas de xeito universal”.

O manifesto invitaba ademais a ignorar a represión policial e os atrancos que se estaban pondo dende as Administracións para as protestas. “Toma a rúa!”, dicían, e abofé que a tomaron, pois máis de 3.000 persoas o fixeron só en Compostela, para, como dicía Tareixa, facerse notar e “demostrar ós políticos que estamos aí, e que non imos comungar con rodas de muíño”.

Mais, despois de chegar ao Obradoiro e entoar cánticos como o Grándola Vila Morena ou O pobo unido, xamais será vencido, despois da explosión inicial, tocou o momento de, como apuntaba a organización, “expor brevemente as liñas de traballo, para quitarnos a fama de vagos perroflautas, porque hai moito que facer e é moito o que xa temos feito”. Contradicir o que se viña criticando dende hai meses dende os medios de “desinformación” ou “intoxicación”, así como as críticas de persoas que non estaban dentro ou simplemente ficaran desinformadas.

 

Stop Desafiuzamentos

Stop Desafiuzamentos Compostela, probablemente o colectivo que más ten traballado ou que polo menos máis froitos ten colleitado

En primeiro lugar, saíu á palestra Stop Desafiuzamentos Compostela, probablemente o colectivo que más ten traballado ou que polo menos máis froitos ten colleitado. De momento, conseguiron paralizar varios desafiuzamentos na comarca de Compostela, e mesmo conseguir o obxectivo da dación en pago para unha veciña do barrio de Vite. Ademais, poñerse en contacto cos distintos grupos municipais e conseguir que BNG e PSOE avalasen a súa proposta de moción, malia a negativa do PP e polo tanto imposibilidade da aprobación. Recoller sinaturas para unha iniciativa lexislativa popular que eleve ó Congreso a dación en pago da vivenda hipotecada. E sobre todo concienciar a xente de que é un problema de todos, de que ninguén sinta “vergoña” se se atopa “ao límite”, porque “esta crise non a causamos nós”, como recordaba Roi, membro do colectivo, ante o micrófono da asemblea e todos os asistentes.

Segundo o comunicado que leu, son un “grupo de persoas, cidadáns e veciños de Compostela neste caso,que nos damos axuda mutua, uns ós outros”. “Queremos reconstruír eses lazos comunitarios que estaban perdidos entre nós, axudarnos unhas a outras, para tentar que a situación mude, e axudar ós sectores que máis están padecendo a crise, a xente que antes está perdendo as súas vivendas, mulleres e inmigrantes sobre todo”. Stop Desafiuzamentos Compostela ten unha rede social e un correo de contacto para todos aqueles que necesiten os seus servizos, ademais das canles habituais de información e coordenación a través da Plataforma de Afectados pola Hipoteca en Galicia (PAH Galicia) e a Plataforma estatal.

A continuación, María, outra integrante, recordou que “o Estado español asinou tratados internacionais en materia de dereitos humanos”, e que un destes dereitos era precisamente á vivenda digna, recollido por numerosos documentos pero tamén e principalmente pola Declaración  Universal dos Dereitos Humanos. “Ninguén pode quedar sen unha alternativa habitacional, porque suporía unha violeción flagrante dos dereitos humanos”. Disto infírese que “os Estados, as entidades privadas e públicas e a cidadanía temos a obriga de impedir as violacións de dereitos humanos”.

E isto é o que fai Stop Desafiuzamentos, “non fai nada máis que cumprir coa obriga de cidadáns”. Para o día seguinte, domingo, ás 12 horas, convocaron unha asemblea aberta na que recolleron moitas máis sinaturas para a ILP (iniciativa lexislativa popular), o que veñen facendo todos estes días e seguirán ata que se acade unha cifra importante de apoio social. Esta esixe: dación en pago retroactiva, “porque non podemos quedar sen casa e pagar unha débeda de por vida”; moratoria de tódolos desafiuzamentos; e aluguer social para todo o mundo que non teña vivenda.

 

 

Desempregadxs Compostela

“Somos licenciadas en precariedade e loita, especialidade de supervivencia. Somos desempregadas. Para algúns somos só números, pero somos persoas e queremos declaralo diante de todas vós"

Despois foi a quenda da xente no paro. Nuria e Paz falaron ben claro: “Somos licenciadas en precariedade e loita, especialidade de supervivencia. Somos desempregadas. Para algúns somos só números, pero somos persoas e queremos declaralo diante de todas vós. Somos case 300.000 desempregadas en Galiza, e no Estado Español, máis de cinco millóns. Para os poderes públicos somos só cifras; eles ata nos chaman paradas; pois non, estamos en acción contra as súas políticas, e pola nosa dignidade”.

Elas viñan “representar” ou visibilizar o grupo de Desempregadxs Compostela do que forman parte, un colectivo que pretende, como o anterior, ser unha rede de axuda mutua, mais naceu “non hai moito”, e, como recoñecen, “é difícil mobilizar as persoas”, polo  polo que animan a xente a sair da “soedade das súas casas”, e “canalizar a frustración nalgo construtivo”, porque “xuntas pensamos mellor”, e “xuntas podemos atopar solución”: “se todas as persoas desempregadas nos unísemos, teriamos un poder inusitado, que nin os gobernos, nin os Estados poderían parar”. De momento están poñendo en marcha “un comedor popular”, e tentan “impulsar o cooperativismo, a autoorganización e a autoxestión”.

Reúnense en asemblea tódolos xoves ás 8 da tarde na Praza Roxa, ademais de contar cun correo e un grupo de correo para coordinar e informar de todas as actividades e convocatorias. Escoitándoas parece que a ilusión é o substrato destas asembleas: “Parece unha utopía, mais tamén o parecía que o 15 de outubro houbese unha mobilizacion mundial. Se non soñamos con utopías, non imos construír un mundo mellor”, “Só fáltannos as túas ideas e a túa forza. Xuntas podemos!”, berraron ao unísono mentres a muchedume, sobre todo a xente desempregada, que é moita, as ovacionaba.

Para os que aínda non quedaron sen casa, pero están a piques pola opresión económica dos bancos, está ACUSA (Asociación contra a Usura de Sociedades Acredoras)

Para os que aínda non quedaron sen casa, pero están a piques pola opresión económica dos bancos, está ACUSA (Asociación contra a Usura de Sociedades Acredoras). Dende esta organización, netamente galega e compostelá, mais “con implantación en todo o Estado a través do seu foro en Internet”, levan “case 3 anos axudando a recuperar o diñeiro que os bancos, caixas de aforro e outras entidades usureiras arrebatan ás familias e traballadores máis perxudicados pola crise”. A súa denuncia é clara e contundente como o seu nome: “As entidades finaceiras practican a apropiación indebida, un delicto, coa pasividade institucional e das entidades reguladoras como o Banco de España”.

Critican non só os movementos incontrolados de diñeiro, senón o apropiamento de cartos que non son seus, o dos seus clientes, “en forma de seguros, comisións e outros cargos aplicados especialmente sobre os máis débiles economicamente, practicando así a máis vil das usuras, apropiación indebida e extorsión”. A proba é que “cada mes se publican as recuperacións de miles de euros substraídos que se recobran polo envío dunha simple carta certificada á entidade”, segundo esta plataforma, que ofrece asesoramento aos afectados, e realiza actos de protesta e campañas de concienciación, sobre todo a través da súa páxina web.

Pola Plataforma de Aforro Público falou David. O primeiro dos seus cometidos é denunciar o “expolio do sistema financeiro” e “a corrupción dos órganos de dirección das caixas”, en especial as galegas. Nesta liña, este colectivo ten recollido numerosas sinaturas nos últimos tempos para facer unha auditoría e investigación das caixas galegas “bancarizadas” (en concreto, a Asemblea Aberta de Ourense presentou xa 2.800 sinaturas ante a Fiscalía Anticorrupción),  e tamén organizado actos de protesta, dos cales o principal reuniu milleiros de persoas en varias cidades galegas o 25 de marzo pasado.

“Temos dereito a esixir a conversión de Bankia en banco público ao servizo dos nosos intereses cun funcionamento ético e democrático”

En segundo lugar, reivindicar a creación dunha banca pública, “co capital da caixa e mais do FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria)”, ademais da “nacionalización” total e “saneamento” das entidades, coma no caso de Bankia, xa que “temos dereito a esixir a súa conversión en banco público ao servizo dos nosos intereses cun funcionamento ético e democrático”, declarando ao mesmo tempo “débeda odiosa” todas aquelas que son contraídas de maneira engañosa ou ilexítima contra os intereses dos cidadáns do país. Unha web e un perfil nas redes sociais coordina e pon en contacto a todos os que queiran saber máis ou facer achegas a este tema.

Ao remate da marcha interviron varias persoas na asemblea aberta © Jorge M. de la Calle

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.