16 cidades levan ao Congreso o incumprimento dos compromisos do Goberno sobre os refuxiados

Concentración ante o Parlamento galego, hai uns meses © Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas

Este martes 26 remata o prazo de dous anos no que o Goberno español se comprometera a acoller 17.337 persoas con necesidade de asilo por mor da guerra en Siria. Porén, España acolleu tan só 1.983 persoas, o 11,44% da cota acordada. Esta cifra é a suma dos 1.279 que proveñen dos campos de Grecia e Italia (cota obrigatoria, sobre un total de 9.323) e os 701 procedentes de Turquía ou Xordania (dos 1.499 que España se ofreceu a recibir). E iso a pesar de que centos de familias ofreceron as súas vivendas para recibir estas persoas e a pesar de que ducias de concellos e outras administracións se puxeron a disposición do Estado central para colaborar na tarefa.

España acolleu tan só 1.983 persoas, o 11,44% da cota acordada

As administracións locais foron especialmente insistentes neste ofrecemento, conformándose unha rede de cidades-refuxio que nestes dous anos organizou as súas estruturas ao tempo que lle facía continuos recordatorios ao Goberno central sobre a necesidade de que cumprise cos seus compromisos internacionais. Este martes, coincidindo co vencemento do prazo de dous anos fixado pola UE, representantes de 16 cidades de todo o Estado, entre elas A Coruña, levarán ao Congreso a denuncia do incumprimento do Goberno. Trátase de Barcelona, Badalona, Cádiz, Córdoba, Girona, Granada, Las Palmas de Gran Canaria, Madrid, Palma de Mallorca, Santa Coloma de Gramenet, Sabadell, Sant Boi de Llobregat, El Prat de Llobregat, Tarragona, Valencia e Zaragoza, urbes gobernadas por confluencias municipalistas ou polo PSOE, pero tamén por PDeCat (Girona)

Os e as representantes municipais serán recibidas e recibidos na Sala Sert do Congreso dos Deputados polas voceiras e voceiros dos partidos políticos presentes na cámara

Os e as representantes municipais serán recibidas e recibidos na Sala Sert do Congreso dos Deputados polas voceiras e voceiros dos partidos políticos presentes na cámara. No encontro, os concellos tamén exporán os impactos que o sistema estatal de asilo ten sobre os servizos municipais, e compartirán diferentes iniciativas para atender as persoas que buscan refuxio que non están a ser atendidas polo programa estatal de acollida. O obxectivo da reunión é que os grupos do Congreso coñezan a realidade do refuxio nas diferentes cidades do Estado e que promovan iniciativas conxuntas para esixir ao goberno central que cumpra nas súas obrigacións para garantir unha acollida digna ás persoas que procuran refuxio, explica Rocío Fraga, concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña. Este martes, ademais, o deputado socialista Odón Elorza preguntaralle no Pleno do Congreso ao Goberno sobre as razóns do incumprimento do compromiso de asilo acordado.

En xuño unha vintena de cidades de todo o Estado reuníronse en Barcelona para analizar o papel dos municipios na acollida efectiva de persoas. Naquel encontro, os concellos asinaron a Declaración de Barcelona sobre "As Cidades ante a realidade do Refuxio no Estado Español", na que manifestaron as dificultades de xestionar un fenómeno sen recursos suficientes e "cunha falta de coordinación e de información evidente por parte do Goberno central". Esta declaración foi levada ao Pleno da Coruña, aprobándose por unanimidade tras incluír unha emenda do grupo municipal do PP para instar a UE a facilitar recursos humanos e materiais para acelerar o recoñecemento da condición de persoa refuxiada.

Este martes finalizará ademais a serie de concentracións organizadas na Praza do Toural, en Compostela, pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. A derradeira persoa en ler o manifesto será o actor e humorista Carlos Blanco (20 horas). Antes, este luns á mesma hora, a lectura correrá a cargo de Marilar Aleixandre.

Este martes finalizará a serie de concentracións organizadas na Praza do Toural, en Compostela, pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas

De igual xeito, está en trámite unha denuncia presentada ante a Comisión Europea contra o Goberno español por Oxfam Intermón por incumprir a cota de refuxiados. A denuncia, presentada a pasada semana, ten o apoio de PSOE e Podemos. "O Goberno español amosou unha clara falta de vontade política" para resolver esta situación, denuncia a entidade, que lle esixe á Comisión que aplique contra España as mesmas medidas que o pasado mes de xullo adoptou contra Chequia, Hungría e Polonia por incumprimento das súas obrigas legais en materia de reubicación.

 

Concentración ante o Parlamento galego, hai uns meses © Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.