O INE publicou este luns os datos de variacións residenciais correspondentes a 2014, unha información elaborada a partir dos datos dos padróns municipais relativos ás altas e baixas motivadas por cambios de residencia.
O pasado ano foron máis os galegos e galegas que se asentaron noutras comunidades autónomas, un total de 19.862, mil máis que o ano anterior. Pola contra, reduciuse o número de persoas que se empadroaron nos concellos galegos procedentes doutros territorios do Estado, 17.498, mil menos que en 2013. Isto fixo que o saldo rexistrado pasase de -392 a -2.364. En 2012 o saldo mesmo fóra positivo. O groso do saldo negativo corresponde aos e ás menores de 35 anos: 10.937 inscribíronse en concellos de fóra de Galicia, fronte aos 8.712 que, dende outras autonomías, se asentaron aquí. Un saldo de -2.225.
| 2012 | 2013 | 2014 | |
|---|---|---|---|
| A outras CC.AA. | 19.551 | 18.970 | 19.862 |
| Menores de 35 | 11.334 | 10.630 | 10.937 |
| Dende outras CC.AA. | 20.365 | 18.608 | 17.498 |
| Menores de 35 | 10.811 | 9.810 | 8.712 |
Altas e baixas residenciais, noutras CC.AA. e procedentes doutras CC.AA. Fonte: INE
En canto ás altas e baixa en dirección ou procedentes do estranxeiro, a tendencia é distinta. En 2014 reduciuse o número de galegos e galegas que se empadroaron noutros países (10.292 fronte a 11.739) e, pola contra, creceron as altas de persoas procedentes doutros países (10.377 fronte a 9.268). Isto fixo que o saldo, moi negativo en 2013 (-2.471) fose lixeiramente positivo en 2014. Case a metade das persoas que causaron baixa nos padróns dos concellos galegos por ter marchado fóra de España tiñan menos de 35 anos (4.989).
En total, 15.926 persoas de menos de 35 anos causaron baixa nos padróns galegos para inscribirse en localidades do resto de España ou do estranxeiro. A cifra total ofrece un saldo negativo con respecto ás altas de persoas deses grupos de idade: 14.326. Esta estatística refírese unicamente ás modificacións realizadas nos padróns municipais, sen ter en contra aquelas persoas que marchan a outros países sen causar baixa nos seus respectivos concellos.
| 2012 | 2013 | 2014 | |
|---|---|---|---|
| Ao estranxeiro | 9.890 | 11.739 | 10.292 |
| Menores de 35 | 5.047 | 5.832 | 4.989 |
| Dende o estranxeiro | 10.322 | 9.268 | 10.377 |
| Menores de 35 | 5.828 | 5.026 | 5.614 |
Altas e baixas residenciais, noutros países e procedentes doutros países. Fonte: INE.