"Pensamos que outros xeitos de traballar son posibles. En MOV3 camiñamos cara a eco sostibilidade, o uso responsable dos recursos naturais e a produción local, comprometéndonos co consumo consciente e o respecto e trato digno ás persoas". Así se presenta, no seu manifesto, a Plataforma Galega de Moda Sostible, MOV3, un proxecto que botou a andar hai uns meses e que este venres fixo pública a súa web, un directorio online de produtoras, deseñadoras e tendas que traballan creando, confeccionando e vendendo roupa con eses criterios. Despois de varios meses de obradoiros, xuntanzas e actividades formativas, MOV3 presentouse en sociedade, buscando amosar que hai alternativas á hora de vestir, e poñendo estas alternativas ao alcance dos e das consumidoras interesadas.
MOV3 presentouse en sociedade, buscando amosar que hai alternativas á hora de vestir, e poñendo estas alternativas ao alcance dos e das consumidoras interesadas
A Casa das Campás de Pontevedra acolleu o venres o acto de presentación da iniciativa, no que interviron Nanda Couñago, directora da Asociación Amarante Setem, e a deseñadora e consultora en moda sostible María Almazán. Couñago explicou que a iniciativa naceu coa idea de pór en valor as alternativa téxtiles existentes ou en nacemento en Galicia e dar resposta á crecente demanda da sociedade galega de facer un consumo responsable de roupa, que fortalecese e apoiase o medio ambiente, con criterios sociais, aposta pola produción local e trazabilidade do produto. Pola súa banda, Almazán subliñou que que MOV3 naceu da inquietude de pór en común o mundo do deseño consciente cos movementos sociais e tamén axudar ás persoas que queren consumir doutro xeito e se senten perdidas na busca de alternativas. “Esa é unha das patas de MOV3, xuntar individualidades que fagan que se vexa que en Galicia está a pasar algo e crear sinerxías para o consumidor que queira achegarse a esta proposta”, engadiu.
17 iniciativas
"Optamos por un modelo de deseño con identidade propia que defende tanto o valor artístico das pezas como a súa calidade e durabilidade"
A web recolle a actividade de case unha vintena de marcas e deseñadoras galegas que decidiron apostar por este xeito de confeccionar as súas prendas. Ademais, amosa o traballo e as iniciativas dun grupo de estudantes de deseño que comezan a dar os seus primeiros pasos, cos seus primeiros proxectos. Como se destaca no manifesto da Plataforma Galega de Moda Sostible: "Pensamos que outros xeitos de traballar son posibles. Optamos por un modelo de deseño con identidade propia que defende tanto o valor artístico das pezas como a súa calidade e durabilidade. En MOV3 camiñamos cara a eco sostibilidade, o uso responsable dos recursos naturais e a produción local, comprometéndonos co consumo consciente e o respecto e trato digno ás persoas. Quédanos moito por percorrer, xa estamos en mov3mento".
- Le Chanelas: Unha marca de roupa que nace de axuntar arte e moda. As pezas realízanse en series limitadas ou son pezas únicas. As características principais destas pezas son os deseños orixinais, os estampados artísticos, os tecidos naturais e a comodidade.
- Racataplan: Racataplan deseña e produce roupa para nenos de 0 a 3 anos. Cada prenda é deseñada e producida no rural galego por mulleres que coidan o detalle en cada peza. Son un pequeno proxecto que se desenvolve nunha pequena vila de Ourense, en Viana do Bolo.
- Portal 48: Portal 48 é un proxecto de Ana Seoane e Rocio G.Juncal, un espazo que permite o desenvolvemento de ideas abertas a todos os apaixonados pola creación.
- Mandacarú: Mandacarú é unha marca galega de roupa ecolóxica e de comercio xusto que nace en 2006 para ofrecer unha alternativa ao mercado téxtil establecido.
“Esa é unha das patas de MOV3, xuntar individualidades que fagan que se vexa que en Galicia está a pasar algo e crear sinerxías para o consumidor que queira achegarse a esta proposta”
- Marujita Alegre: Os seus deseños inspíranse en multitude de viñetas sonoras reflexo das grandes paixóns da súa creadora, María Baqueiro: a música e os cómics.
- Erizo Violeta: De Erizo Violeta saen Tipis, Casiñas e accesorios para nenos e para casa como coxíns ou mandís, elaborados en tecidos con estampaciós únicas en teas ecolóxicas.
- La Canalla: Fan pezas únicas (de colección e a medida) e, dende La Canalla ao rescate interveñen sobre prendas que outras persoas traen para transformar en pezas canallas.
- Cestola na Cachola: Cestola na Cachola é unha cooperativa que nace en 2013 da man de tres persoas que decidimos unir as súas experiencias previas no mundo da ilustración, o muralismo e a economía social e solidaria.
- Rafael J. Cameselle: O seu obxectivo é xuntar preocupación estética e funcionalidade cunha introdución progresiva de tecidos ecolóxicos e criterios sostibles no noso método de traballo.
- Ash Santos: Ash Santos (Vigo, 1986) é un artista cuxa obra se move entre os campos da pintura, ilustración, intervención, performance e son.
- Xiro: Unha marca de moda sostible especializada en suéter-sudadeira e prendas denim para todas as idades.
- Adanegra: Taller de Artesanía Téxtil de e para mentes e corpos de Muller. A súa conciencia ética parte do coñecemento do Corpo, o que os leva a facer roupa que se acomode a el, …non a inversa. Non fan patronaxe convencional e sempre crean a peza única.
- O roupeiro de Tatán: No Roupeiro do Tatán tentan manter un equilibrio entre a calidade, o deseño e o prezo, reunindo na nosa tenda marcas da Península e procedentes do resto de Europa.
- Iván R: Logo de once anos traballando como ilustrador e deseñador para diferentes editoriais, cine, moda, tv, prensa, publicidade... fixo unha paréntese nos seis estudos de escenografía para comezar a traballar no departamento de deseño da fundación Fabrics For Freedom.
- Pilar Ullod: Licenciada en estudos superiores de deseño téxtil e moda de Galicia. A procura dun aspecto andróxino e o deseño de pezas básicas son as bases sobre as que se asentan as súas coleccións.
- Cabra Pyrenaica: Unha marca-tenda que pretende ofrecer produtos en base a conceptos como o deporte (entendido como actividade aberta a todos o mundo e como cultura) o deseño e a sostibilidade