"O galego non é un obstáculo para comunicar cun público consciente e amplo. Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común". É unha das ideas fundamentais sobre as que xira o Manifesto de Vitaminas para o Galego, a plataforma conformada por 29 medios de comunicación impresos, dixitais, radiofónicos e audiovisuais que empregan a lingua propia de Galicia. O Manifesto conclúe que "O galego precisa moitas vitaminas. O país necesita como auga de maio contar con medios de comunicación que empreguen o idioma noso, tamén nos contextos urbanos, alí onde presenta máis febleza".
O obxectivo é presentar 17 vídeos doutros tantos colexios e institutos, 17 vídeos procedentes de 17 concellos do país e 17 vídeos co manifesto lido en varios países e linguas
Vitaminas presenta a súa nova web, na que dende hai días se veñen colgando vídeos, máis profesionais ou completamente caseiros, que dende distintos lugares do mundo, ou dende centros de ensino de Galicia, moitas persoas foron enviando cunha lectura do manifesto. O obxectivo é presentar 17 vídeos doutros tantos colexios e institutos, 17 vídeos procedentes de 17 concellos do país e 17 vídeos co manifesto lido en varios países e linguas.
Este mércores 16 de maio entregouse en Carballo o o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo, que recaeu nun texto de Carlos Callón, Fai teu o galego, un artigo que Praza publicará o 20 de maio. A entrega do premio fíxose no marco dunha presentación da campaña de Vitaminas para o Galego, que se completou cun concerto de Sés.
Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade para chegar a públicos amplos e incidir neles cunha linguaxe clara e sinxela, convidando aos lectores a lectoras a utilizar a lingua galega e facéndolles ver que é sinxelo e só é necesario querer. Destaca a enerxía, positividade e entusiasmo do artigo, que presenta a lingua como unha oportunidade, e apela ao compromiso individual das persoas para falaren galego.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo El veloz murciélago hindú comía feliz cardillo y kiwi…, da estudante ourensá Alba Cid Fernández, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O artigo cuestiona de maneira crítica o apropiamento da linguaxe e das palabras por parte do poder para cambiarlles o significado, para mudar o imaxinario da xente. E isto enmarcado cunha linguaxe inclusiva e cun imaxinario moderno.