20 anos da 'Guerra do Bonito'

Fotograma do teaser promocional do documental Dominio Público Praza Pública

A década dos noventa foi un tempo de enfrontamento entre dúas formas de pescar o bonito e, en xeral, de relacionarse co mar, a loita entre as frotas artesanais (maioritarias en España) que pescaban os peixes un por un, cun anzol, e as frotas industriais inglesa, francesa e irlandesa, e as súas redes de deriva e volantas, ás veces de dez quilómetros de lonxitude, e que provocaban un grave prexuízo aos fondos mariños e a determinadas especies protexidas. 

A crise foi máis intensa ao longo do ano 1994, sobre todo durante o verán, cando os pescadores de Burela, convertida en epicentro das loitas, fixéronse co pesqueiro francés La Gabrielle, que fóra abandonado polos seus tripulantes, e que levaba redes ilegais no seu interior. Francia considerou este feito como un secuestro e a armada española interveu para tentar recuperar a embarcación, aínda que a oposición dos pescadores impediu que o conseguisen. O barco foi levado ao porto de Burela escoltado por toda a frota boniteira española, composta por 350 barcos, para mostrar que as súas redes eran ilegais. Unha vez que isto foi demostrado, a armada española fíxose cargo da embarcación o 21 de xullo.

Adrián Canoura e Breixo Llano, ex alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, preparan o documental Escamas, sangue sobre este enfrontamento, e do que xa se pode ver un teaser promocional, á espera de que o traballo, que conta co apoio da Deputación de Lugo, estea rematado ao longo de 2014. Breixo Llano destaca a importancia de que se coñeza, en Burela e en toda Galicia, esta historia: "Nós tivemos unha constancia mínima, como moito algunha mención nas clases, e supoño que ter un documento audiovisual completo lles gustará ás xeracións que veñan". O traballo inclúe imaxes de arquivos e un gran número de entrevistas a algúns dos e das protagonistas dos feitos, así como testemuñas do sucedido. "Tiñamos medo de que pasara algo, de que tiraran tiros e de que matasen a alguén, porque eles traían armas. Pero non, eles non se meteron con ninguén", destaca Gloria do Cornete sobre o momento en que a Armada Española entrou no porto.

"Burela ten as súas rúas asfaltadas con escamas e sangue de bonito, e por iso todo o mundo era moi sensible con este tema, porque o bonito deulle moito pan a esta vila e axudou a formala"

Ao longo de 1994 houbo máis protestas, bloqueos de portos, interveu o Rainbow Warrior de Greenpeace en apoio das frotas artesanais..., e finalmente foron prohibidas as volantas peláxicas na pesquería do bonito. Como destaca o alcalde de Burela, José María González Barcia, "a Guerra do Bonito foi un exemplo significativo da preocupación das xentes do mar pola sostibilidade da pesca, defendendo as artes tradicionais e garantes da sostibilidade do recurso e esixindo a erradicación de prácticas pesqueiras nada acordes coa preservación dos stocks".

Ou, como sinala un dos mariñeiros entrevistados para o documental: "Burela naceu do mar e Burela é mar". Unha importancia que outro dos protagonistas do filme exemplifica afirmando que "Burela ten as súas rúas asfaltadas con escamas e sangue de bonito, e por iso todo o mundo era moi sensible con este tema, porque o bonito deulle moito pan a esta vila e axudou a formala".

Breixo Llano, autor xunto a Adrián Canoura do documental Dominio Público Praza Pública
Fotograma do teaser promocional do documental Dominio Público Praza Pública
La Gabrielle, barco francés con redes ilegais atracado en Burela durante a guerra do bonito CC-BY-NC-SA José Ramón García Ares
Barcos no porto de Burela durante o conflito con La Gabrielle CC-BY-NC-SA José Ramón García Ares

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.