O vindeiro 17 de outubro debaterase no Parlamento a aprobación da Proposición de Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galicia, presentada polo Partido Popular, e que xa foi rebautizada polos movementos sociais como "Lei de Depredación de Galicia". Estas entidades denuncian que a norma reduce os controis mediambientais na minaría ou nos sectores forestal e eólico e que fará "practicamente imposíbel a defensa do patrimonio natural galego"
Unha vintena de colectivos presentaron este mércores en Compostela unha campaña de mobilización urxente contra a aprobación desta lei
Unha vintena de colectivos presentaron este mércores en Compostela unha campaña de mobilización urxente contra a aprobación desta lei. Xoán Doldán, Margarida Prieto Ledo e Fins Eirexas compareceron en representación de A Ría non se Vende, Adega, CIG, Comisión contra as Minas na Terra Chá, Comunidade de Montes de Cabral, contraMINAcción, Organización Galega de Comunidades de Montes, Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Sindicato Labrego Galego, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada, entre outras entidades.
O vindeiro venres 6 está convocada unha concentración ante o Parlamento de Galicia para protestar contra esta lei e estase a preparar igualmente unha gran manifestación en Compostela. Ademais, a nivel comarcal estanse a organizar encontros informativos con colectivos sociais e produtores para explicar os efectos que tería a aprobación desta norma, por exemplo o 7 de outubro en Carballo. Contraminacción anima a través da súa web a enviar material gráfico para a campaña.
Os efectos da lei
Denuncian que, a efectos prácticos, a aprobación desta norma levará a "modificar de golpe varias leis tratando de eliminar calquera debate público"
Denuncian que, a efectos prácticos, a aprobación desta norma levará a "modificar de golpe varias leis tratando de eliminar calquera debate público", normas tan importantes coma a Lei 8/2009 de aproveitamento eólico, a Lei 3/2008 de minería, ou a Lei 7/2012 de Montes. "Supón unha ameaza absoluta ao conxunto da poboación", ao fomentar "actividades lesivas contra o noso territorio e as comunidades que o habitan", deixándoas "desprotexidas", facilitando "procesos de expropiación" ou "favorecendo o ocultamento de información, a redución de prazos ou a elusión de trámites ambientiais", sinalan. "Con esta lei, o PP desmantelará a cativa protección que tiñamos fronte a proxectos enerxéticos ou de extracción mineira, usurpación de terras agrarias, eucaliptización do territorio, etcétera", engaden.
A norma, que foi cualificada como "un TTIP de andar por casa" por Antón Sánchez en conversa con Praza, busca limitar a capacidade dos poderes públicos e da sociedade para controlar os efectos sobre o medio ambiente e o patrimonio da minaría, o sector eólico e da explotación forestal, tal e como foi denunciado por ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM nunha detallada análise na proposta de lei.
A norma foi cualificada como "un TTIP de andar por casa"
"De ter existido anteriormente unha lei como esta de Fomento das Iniciativas Empresariais, non tería sido posible frear atentados ambientais como o proxecto da mina de Corcoesto, ou a extracción de feldespatos na Limia ou seixo da Terra Chá. Fóra do ámbito mineiro, tampouco tería sido posible impedir a aprobación da Lei de Acuicultura", subliña ContraMINAcción. "Un dos problemas principais do proxecto ten que ver co acceso a información ambiental, dereito que na práctica se elimina, deixando en mans das empresas que decidan que é secreto industrial, nun claro conflito coa lexislación europea e española. Elimínanse controis ambientais e acúrtanse os prazos para evitar todo tipo de alegacións da cidadanía", explica. "A desregulación é unha forma de facer prevalecer os dereitos privados das grandes empresas sobre os colectivos ou os privados dos propietarios de terras agrarias ou montes", conclúe a entidade.
"De ter existido anteriormente unha lei como esta, non tería sido posible frear atentados ambientais como o proxecto da mina de Corcoesto, ou a extracción de feldespatos na Limia ou seixo da Terra Chá", din
"Para que isto non se converta en realidade, temos que facerlles ver que contan cunha contundente oposición social, ademais da de todos os demais grupos políticos do Parlamento e dos movementos sociais", din os colectivos impulsores da campaña. "Que non van saír coa súa e aprobar esta megalei depredadora pola vía rápida mentres a xente está desinformada e pendente do que sucede noutros lugares", engaden.
Pola súa banda, o conselleiro de Industria Francisco Conde leva varias semanas presentando a futura lei ante entidades empresariais e profesionais, defendendo as súas bondades e sinalando por exemplo que lles achegará ás empresas galegas "máis beneficios fiscais e a máxima seguridade xurídica". "Preténdese que a Administración non sexa un obstáculo para a chegada de novas empresas, senón todo o contrario, ofrecendo todos os instrumentos que ten ao seu alcance tanto para captar investimento", destaca a Xunta, que chama a "consolidar Galicia como unha terra de oportunidades".