25-S: Chaman a concentrarse diante do Parlamento galego este martes

Exterior do Parlamento Galego © Turgalicia

Este martes 25 de setembro un gran número de colectivos -organizados ao redor da Coordinadora 25S- chaman a concentrarse en Madrid diante do Congreso en protesta polo "secuestro da democracia" por parte "dos grandes poderes económicos". Será unha gran mobilización que, máis ou menos masiva, leva semanas espertando a preocupación do Goberno central e da policia, sobre todo ante a posibilidade de que se consolide unha acampada permanente nos arredores da cámara baixa.  

Seguindo o ronsel aberto por esta convocatoria, en Galicia tamén haberá mobilizacións este martes e que terán como obxectivo dous dos centros de poder da comunidade: o Parlamento e a sede do Goberno galego. 25S Compostela chama a concentrarse ás sete e media da tarde na Praza Roxa da capital galega con potas, tixolas e instrumentos musicais para dende aí iniciar unha marcha até o Parlamento e a Presidencia da Xunta na Praza do Obradoiro e levar a cabo unha cazolada polas rúas de Santiago. A organización fíxose dende a Asemblea Aberta de Compostela e nos últimos dias contactouse con outras asembleas de Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra ou Vigo, para que tamén acudisen á protesta. Porén, é posible que nesas cidades tamén se leven a cabo mobilizacións semellantes.

Os organizadores denuncian que "o noso sistema político resultou ser unha fraude na cal os distintos gobernos nos traizoan facendo exactamente o contrario aos seus compromisos electorais, e no que a xustiza non actúa contra os banqueiros, políticos e empresarios culpábeis da situación". As demandas ao igual que as da gran convocatoria do 25S en Madrid inscribense na reivindicación xeral do inicio dun proceso constituinte.

Exterior do Parlamento Galego © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.