2.500 árbores autóctonas repoboarán Chandebrito, 'zona cero' da vaga de lumes de outubro

Vista da zona ardida en Chandebrito (Nigrán) CC-BY-SA Praza Pública

Chandebrito, en Nigrán, sitúase a dez quilómetros do centro de Vigo. O pasado mes de outubro foi unha das zonas máis afectadas polos incendios, que arrasaron unha parte moi importante destes montes, puxeron en risco numerosas vivendas e, sobre todo, acabaron coa vida de dúas mulleres, de 86 e 78 anos, que morreron no interior dunha furgoneta. Cinco meses despois unha iniciativa cidadá quere contribuír á recuperación do lugar. Este sábado iniciarase un proxecto de repoboación destes montes, nos que se plantarán ao redor de 2.500 árbores autóctonas, grazas ás achegas realizadas por centos de persoas, empresas e entidades a través da acción Árbores de Cinza.

En total, recadáronse 4.329,92 euros -2.329 en doazóns directas a través da plataforma www.migranodearena.org e outros 2.000 procedentes de colectivos- que serán entregados á Comunidade de Montes de Chandebrito para que leve a cabo a repoboación. 

A iniciativa Árbores de Cinza recadou máis de catro mil euros nos últimos meses, que servirán para a plantación de frondosas dende este sábado

As actividades comezarán xa pola mañá, coa recepción aos e ás participantes en Chandebrito, charlas a cargo de expertos medioambientais e un breve obradoiro de formación sobre a plantación de árbores. A partir das 16 horas levarase a cabo a repoboación nos lugares xa escollidos e sinalados e ao remate realizarase unha ruta de sendeirismo. Recoméndase o uso de roupa e calzado cómodo e levar unha pa e un caldeiro se se quere colaborar na plantación. Unha cea colectiva e actuacións musicais pecharán a xornada.

 

Estrea dun documental de Galiza Contrainfo

Este sábado, ademais, Galiza Contrainfo estreará unha reportaxe documental, Un país de cinzas, gravada a semana seguinte da desfeita ambiental dos lumes de outubro. Nela conversan con sete testemuñas "dun desastre que non é a primeira vez que acontece no noso país, mais sobre o que queriamos lanzar preguntas e reflexionar colectivamente", sinala o colectivo. A estrea terá lugar ás 20 horas na Asociación Veciñal O Freixo de Valadares (Vigo). Antes, ás 17.30 realizarase unha andaina, coas xentes do Colectivo Viciñal Changrande e coa colaboración da Asociación de Veciños e Veciñas.

As protagonistas desta historia son Miguel Ucles, bombeiro e presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia; Elena Buch, fotógrafa e viciña da Insua, en Pontecaldelas; Maria Lado, escritora e viciña de Coruxo; Raquel Bastos, paisaxista e viciña do Freixo; Cesar Freiría, músico e viciño do Freixo; Xabier Vázquez Pumariño, biólogo ambiental e ecoloxista; e José Manuel Vázquez, da directiva da Comunidade de Montes de Tameiga.

Coche queimado nunha estrada de Chandebrito (Nigrán) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.