28-X: Paso a paso por unha orgullosa diversidade

Tapiz polo día do orgullo elaborado pola Marcha Mundial das Mulleres en Vigo CC-BY-SA MMM

Dous días despois do Día do Orgullo do ano 2005 o Congreso dos Deputados dáballe luz verde definitiva á modificación do Código Civil que permitía que todas as persoas puidesen decidir casar ou non con independencia de quen fose a parella elixida. O coñecido como matrimonio homosexual ou, simplemente, matrimonio igualitario, tivo refrendo maioritario das Cortes Xerais e unha dura e irada oposición do PP, daquela xa liderado por Mariano Rajoy con Ángel Acebes e Eduardo Zaplana como escudeiros políticos. En apenas dez anos os conservadores pasaron de recorrer a lei ante o Tribunal Constitucional por "desnaturalizar" a institución matrimonial a recibir un pau legal e aceptar, pola vía dos feitos, unha normalidade á que só se opuña o seu sector máis retrógrado.

Mentres fican nas hemerotecas as manifestacións nas que o partido hoxe gobernante compartía pancarta e consigna coa Conferencia Episcopal de Rouco Varela e alimentaba grupúsculos ultra como Hazte Oir -que promoveron inefables campañas contra, por exemplo, os centros Quérote promovidos dende a Xunta en tempos do bipartito- no Estado o partido da gaivota aparca paulatinamente esas condutas raianas coa homofobia e, en Galicia, mesmo apoia unha lei polos dereitos do colectivo LGTBI. A norma, promovida polo PSdeG, saíu adiante no Parlamento o pasado abril.

O pasado abril o PP galego aceptou o matrimonio igualitario, dez anos despois de manifestarse contra el

Segundo esta lei, que agora ten que despregarse, os organismos públicos teñen que tratar de xeito igualitario a todas as persoas sen ter en conta a súa sexualidade. Así, por exemplo, a Xunta debe entender "por familia a derivada do matrimonio, da unión entre dúas persoas do mesmo ou distinto sexo" e a "razón de orientación sexual ou identidade de xénero" non poderá ser unha "discriminación" na "valoración da idoneidade nos procesos de adopción". Así e todo, os populares accederon a aprobar a normativa previo recorte, toda vez que non permitiron que saíse adiante un réxime sancionador para as prácticas discriminatorias ou o desenvolvemento dun protocolo para facerlles fronte ás agresións homófobas.

Loita e festa en Galicia

Con este novo marco legal sobre a mesa este 28 de xuño, aniversario dos sucesos de Stonewall de 1969, é a culminación de varios días de actividades, loita e festa en múltiples puntos de Galicia. Nalgúns casos con apoio institucional, noutros sen el e en todos co traballo dos movementos sociais este sábado será xornada de manifestacións, concertos, romarías concentracións e festas. Para non se perder pode axudar botarlle unha ollada ao mapa que acompaña estas liñas, aberto a incorporacións.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.