600 familias ourensás poden quedar sen auga este mes por non pagar os recibos

196 persoas e entidades do Concello de Ourense quedarán sen subministro de auga por falta de pagamento CC-BY-SA Ana Cidad

O Boletín Oficial da Provincia publicou o pasado 10 de febreiro unha relación de máis de 600 persoas e entidades do Carballiño (ao redor de 400), Viana do Bolo (33 familias), Celanova (un total de 13) e da propia cidade de Ourense (outros 196 usuarios e usuarias), que quedarían no prazo de 15 días sen subministro de auga por falta de pagamento dos recibos. Trátase de catro concellos nos que o servizo está privatizado, xestionado por Viaqua (a antiga Aquagest), unha filial de Agbar (Aguas de Barcelona, propiedade da multinacional Suez e de La Caixa).

Ourense en Común pide investigar cada un dos casos para que non se prive de dereitos básicos a ningunha persoa "que por falta de recursos non pode facer fronte a ese pago

A situación foi denunciada nos últimos días por Ourense en Común, que instou o goberno municipal da cidade "a tomar medidas de inmediato" e a investigar "cada un dos 196 casos e asegurar que a empresa non fará ningún corte ata que se verifique que non se priva de dereitos básicos a ningunha muller, home, neno ou nena do noso concello que por falta de recursos non pode facer fronte a ese pago”.

A formación enmarca a problemática nas consecuencias do proceso de externalización deste servizo público iniciado hai décadas, e que provocou que na actualidade en moitísimos concellos (que agrupan o 53% da poboación) o subministro de auga e o saneamento -convertidos nun lucrativo negocio- estean privatizados, en mans de multinacionais coma o entramado de empresas da que forma parte Viaqua. Dende hai uns anos estamos asistindo ao inicio do proceso contrario, iniciando algúns concellos do Estado (e moitos máis no estranxeiro) procesos de remunicipalización do ciclo da auga. "Toca sumarnos á tendencia global da remunicipalización da auga -destaca Ourense en Común- "Blindar na lexislación e facer efectivos na práctica dereitos fundamentais como o subministro, a vivenda, os prezos da cesta de produtos básico e os coidados. Pero tamén dende os municipios recuperar a xestión pública do que é de interese xeral e necesario para a vida. Nunca a privatización buscou unha mellora na xestión, só extraer o maior beneficio a costa do que sexa e de quen sexa”.

"Toca sumarnos á tendencia global da remunicipalización da auga"

Tamén Podemos Ourense insta á remunicipalización, lembrando que nos últimos anos "máis de 200 cidades europeas, entre elas París e Berlín, remunicipalizaron a auga", constatándose melloras no servizo, conseguíndose un abaratamento dos custes e do prezo final, garantido o cumprimento dos dereitos humanos e eliminando a posibilidade de que estas concesións se convertan nun "xermolo de nepotismo e corrupción", como sucedeu en Galicia con Aquagest e a Pokémon. Podemos recolle a garantía do acceso a auga e outros servizos básicos na Lei 25 de Emerxencia Social, presentada no Congreso hai unhas semanas.

 

196 persoas e entidades do Concello de Ourense quedarán sen subministro de auga por falta de pagamento CC-BY-SA Ana Cidad

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.