90 lumes en 36 horas; máis de 100.000 en 27 anos: un decálogo de medidas eficaces

Incendio en Arcos (Manzaneda), nunha foto de arquivo Dominio Público Praza Pública

Case 90 incendios en 36 horas. Así está a situación en Galicia, que un verán máis volve sufrir os lumes e volve preguntarse como deter unha vaga que parece non ter fin. A asociación ecoloxista Adega pregúntase como é posible que "estando suficientemente diagnosticadas as causas estruturais" deles desde hai anos, así como as "medidas precisas para reducir a súa incidencia" a administración non as pon en marcha. "Ten a capacidade técnica e xurídica para facelo, pero alén de non o facer, mesmo lexisla en sentido contrario", explica o colectivo, que cita a Lei de Montes galega e estatal, que permite recualificar terreos queimados, así como a Lei de Caza, a nova Lei do Solo, o Plano Forestal, o Plano da Minaría ou a Orde de cultivos enerxéticos, unhas normativas que "seguen permitindo o deterioro do mundo rural abocado ao abandono, as lapas e os eucaliptos". 

"A administración non só non pon en marcha as medidas precisas, senón que mesmo lexisla en sentido contrario", di Adega

"Nula prevención, recurtes, máis superficie de pirófitas, menos franxas de protección, forestación de terras agrarias, cultivos enerxéticos, uso do lume como ferramenta... Moitos dos lumes que arrasan arestora o país prendéronse tamén nos despachos", asegura Adega, que lembra que desde 1988 até hoxe en Galicia, segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 hectáreas de monte, das que preto de 200.000 eran de arboredo. Ademais, desde 1995 hai uns 10.000 incendios ao ano, un por cada 2 quilémtros cadrados de superficie forestal, cando a media estatal é dun incendio por cada 25 quilómetros cadrados. "En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada", advirten. 

Galicia conta con 7,7% de superficie forestal no Estado, pero sofre o 45% de todos os incendios

Adega insiste en que o monte é "un sector estratéxico para a sustentabilidade ecolóxica e social do país", polo que os incendios "causan graves prexuízos ambientais, sociais e económicos e seguen a ser un dos principais problemas da nosa terra". "Non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social", din, polo que propoñen un decálogo de medidas para "loitar eficazmente" contra os lumes

A primeira, e máis lóxica, sería a dun ordenamento territorial "acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa". Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural sería a clave. Tamén apostan por unha nova política forestal que "promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais".

Adega propón un decálogo para "loitar eficazmente" contra os incendios en Galicia

Tamén reclama Adega un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel. Ao tempo, pide que se incremente "os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción". "Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano", insisten nunha petición que leva anos na boca de especialistas e forzas políticas. 

O colectivo ecoloxista insiste tamén en "planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos", así como "labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas". Ao tempo, cren que se debería promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, "impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte".

A asociación propón un mellor ordenamento territorial, evitar o despoboamento, nova política forestal, maior prevención ou a profesionalización e non privatización dos equipos

Por outra banda, reclaman a "profesionalización" dos equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, "que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos", así como "rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas". Por último, apostan por "fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis" para promover na sociedade "valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio". "Formar e informar especialmente ás comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte", rematan. 

Terra queimada tras un incendio en Galicia © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.