A adxudicación provisional de praza aos docentes ratifica o deterioro do ensino público

O conselleiro de Educación, no patio dun colexio © Xunta

As adxudicacións de destinos provisionais de profesorado de Primaria e Secundaria, para as que este pasado luns rematou o prazo de reclamacións e nas que se asignou destino para o curso a case 5.500 profesores, "pon en envidencia o empeoramento das condicións de traballo do profesorado". Así o asegura CIG-Ensino, que culpa da situación á "política de recortes da Consellería de Educación" na dotación de ensinantes e que repercuten tamén na "masificación das aulas e na imposibilidade de dar conta de todas as necesidades educativas".

Máis de 1.100 dos 5.500 profesores aos que se lles adxudicou destino impartirán materias nas que non son especialistas

"É un empeoramento que finalmente acaba por incidir na calidade do ensino", denuncia o sindicato, que lembra que o incremento dos postos nos que o profesorado ten que impartir afíns -materias das que non é especialista- sitúase en máis dun 15% en Secundaria e en máis dun 11% en Primaria. "É unha evidencia do deterioro producido polos recortes", insiste a CIG, que advirte de que 882 profesores de Secundaria e 261 de Primaria terán que impartir materias "que non son aquelas polas que accederon ao seu posto actual, a quinta parte do profesorado que obtén destino nesta adxudicación". En total, 1.143 docentes.

As itinerancias incrméntanse en máis dun 100% en Secundaria

Ademais, increméntanse tamén as itinerancias, é dicir, as prazas en que un profesor debe impartir docencia en máis dun centro. No caso de Secundaria en máis dun 100% pasando a ser 18 os postos itinerantes e en Primaria increméntase nun 21%, xa que neste curso son 69 profesores máis os que deberán compartir centro, unha situación en que se atopan 396 profesores e profesoras, case a quinta parte do profesorado de Primaria.

Os recortes da Consellaría, segundo a CIG, fanse tamén patentes no feito de que "nesta adxudicación segue habendo 267 profesores suprimidos ou desprazados por falta de horario".

CIG-Ensino pide que se reduza o número de prazas itinerantes e con afíns e que se incremente a dotación de profesorado

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, reclama da Consellaría que "reduza o número de prazas itinerantes e con afíns e que incremente a dotación de profesorado dos centros, de acordo coas peticións que deles recibe e respectando os perfís que os centros solicitan e que están realizadas conforme ás súas necesidades; e isto antes de realizar a adxudicación definitiva".

Anxo Louzao engade que "a CIG-Ensino tamén reclama que todas as vacantes existentes que deban ser cubertas para o vindeiro curso saian agora, minimizando e evitando un fenómeno que se vén producindo nestes anos e que non é aceptábel nin ten explicación: que despois de realizada a adxudicación definitiva saian novas vacantes ás que o profesorado concursante non pode acceder, téndose dado prexuízos importantes".

Vázquez, de visita nun colexio © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.