A 'afección' ás touradas en Galicia limítase a oito eventos nun ano

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

O pasado xuño os votos do PP impedían a prohibición das touradas en Galicia baixo argumentos como que o veto destes eventos "suporía a extinción da raza do touro de lidia" ou o escaso "risco de que proliferen". Se ben a primeira afirmación dos conservadores resulta, cando menos, rechamante, a segunda semella ser bastante axustada á realidade. Como informou Praza Pública, os datos oficiais da Xunta indican que entre 2008 en 2012 se celebrou en Galicia unha media de 12 touradas ao ano. Neste 2013 o número foi máis cativo aínda e quedou en só oito eventos deste tipo.

Entre mostras de desinterese cara o sacrificio público destes animais, como os pobres datos de audiencia que as retransmisións taurinas acadan en territorio galego, o BNG, como membro da fronte antitaurina do Parlamento, cuestionou o pasado setembro o Goberno galego polos datos de touradas celebradas no país neste ano, toda vez que a Administración autonómica ten que autorizar a súa celebración. A resposta foi que se emitiron autorizacións para "un total de 8 festexos taurinos" concentrados en tan só seis concellos.

Pontevedra, con tres touradas, e A Coruña, Sarria, Muíños e Valga, con cadanseu evento, foron os únicos municipios do país que organizaron espectáculos taurinos. Nalgúns casos, como o coruñés, o desinterese cidadán foi tal que a billeteira apenas despachou o 20% das entradas dispoñibles. Esta asistencia aínda podería ir a menos se a propia Xunta cumpre o seu compromiso de impedir a entrada de persoas menores de 12 anos a este tipo de eventos.

A Xunta asegura que prohibirá o acceso de menores ás touradas na futura Lei de Espectáculos

Despois de que o PP asumise esta proposta do Bloque a finais de 2011, a Consellería de Presidencia vénlles de ratificar a súa intención aos nacionalistas a través dunha resposta parlamentaria. "O Goberno galego entende que é necesario proceder a unha regulación do acceso das persoas menores de idade e determinados establecementos públicos, espectáculos públicos e actividades recreativas", di o departamento que dirixe Alfonso Rueda, que asegura que, "en cumprimento do acordo parlamentario subscrito, a prohibición do acceso das persoas menores de 12 anos aos espectáculos taurinos en recintos pechados incluirase no proxecto de lei".

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.