A alcadesa de Moraña tenta impedir a gravación do pleno municipal

Pleno do Concello de Moraña © Quinteiro do Umia

A alcaldesa do concello pontevedrés de Moraña, a popular María Luisa Piñeiro, tivo unha discusión no pleno municipal do pasado luns con membros do Quinteiro do Umia (un proxecto comunicativo e voluntario cidadán) cando estes empezaron a gravar, por segunda sesión consecutiva, o pleno municipal. Hai unhas semanas o Quinteiro xa filmara un pleno no Concello de Moraña que logo subiu, completo, á súa web, algo que non gustou nada ó Goberno local, dende onde se agardaba que apareceran intervencións puntuais a modo de pezas informativas, como explica a alcaldesa de Moraña ó dicir que "a miña sorpresa foi que o vin colgado (o anterior pleno) en Internet, dende o principio ata o final”.

Hai unhas semanas o Quinteiro (un proxecto comunicativo e voluntario cidadá) xa filmara un pleno no Concello de Moraña que logo subiu, completo, á súa web, algo que non gustou nada ó Goberno local

Con todo, e logo dunha tensa rifa sobre a legalidade da filmación do pleno, e de que o secretario Municipal dixese que os plenos “son públicos para o público pero se non hai consentimento para gravar non se pode gravar”, finalmente Quinteiro do Umia puido gravar todo o pleno. 

A gravación dos plenos municipais é unha problemática que se ven repetindo en distintas partes do Estado no que son varios os rexedores que impiden que se grave o audio ou vídeo das sesións plenarias

A gravación dos plenos municipais é unha problemática que se ven repetindo en distintas partes do Estado no que son varios os rexedores que impiden que se grave o audio ou vídeo das sesións plenarias. Moitos cidadáns pregúntase o porqué desta negativa. A rexedora morañesa quixo restar importancia ó dicir, en declaracións a Praza Pública, que a discusión “foi un tema informal. Discrepabamos do tema legal. Eu tamén estoume asesorando e agora quedamos para sentar a falar. Pola miña parte non hai problema en que se grave. Se legalmente se pode facer eu tampouco me vou opoñer”.

 

A lei deixa claro que se poden filmar os plenos

Lonxe de estar prohibido, calquera cidadá pode filmar os plenos municipais, segundo se recolle en varias sentenzas xudiciais, coma a do Tribunal Supremo de 11 de maio de 2007, caso Pilar de la Horadada, ou na recomendación do Defensor del Pueblo de 19 de xuño de 2012, no caso do Concello de Matilla
Por outra banda, a Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no seu artigo 70.1 establece que as sesións plenarias das corporacións locais son públicas, salvo que poidan afectar ao dereito de intimidade dos cidadás e sempre que así se acorde por maioría absoluta. Mesmo a lei vai máis aló e este precepto desenvólvese no artigo 88.2 do Real Decreto 2568/1986, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, no que ademais de reiterar a natureza pública dos plenos, sinala que “para ampliar a difusión auditiva e visual do desenvolvemento das sesións poderán instalarse sistemas megafónicos ou circuítos pechados de televisión”.

Este asunto levantou tal interese na cidadanía que xa se formou a plataforma Graba tu pleno

Este asunto levantou tal interese na cidadanía que xa se formou a plataforma Graba tu pleno, que insiste en que moitos alcaldes alegan como escusas para impedir as gravacións o feito de as cámaras e os móbiles interfiran na actuación dos concelleiros, algo que segundo a plataforma está negado “ata a saciedade” na xurisprudencia.

O avogado Carlos S. Almeida, autor do blog Jaque perpetuo explica que os alcaldes que impiden a gravación dos plenos, que son públicos, poderían inclusive estar incorrendo en delitos que implican a súa inhabilitación.  O artigo 538 do Código Penal establece a "inhabilitación absoluta de seis a dez anos" para "a autoridade ou funcionario público que estableza a censura previa". E o artigo 542 prevé "pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por tempo de un a catro anos" para "a autoridade ou o funcionario público que, de forma consciente, impida a unha persoa o exercicio de outros dereitos cívicos recoñecidos pola Constitución e as Leis".

O dereito á información é un dos preceptos fundamentais da Constitución española  de 1978, recollido no artigo 20, no que se expón que “todo o mundo ten dereito a comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión”. E a publicación dun pleno municipal, de principio a fin, é unha mostra fidedigna de dita veracidade.

Pleno do Concello de Moraña © Quinteiro do Umia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.