A Alianza Social chama á mobilización o vindeiro 20 de decembro

Rolda de prensa da Alianza Social © CCOO

A Alianza Social Galega convoca as súas primeiras mobilizacións. A plataforma, creada hai dous meses, agrupa unhas 60 organizacións unidas nun espazo de encontro para o debate e a acción contra as políticas de austeridade e recortes económicos e de dereitos impostos polo Partido Popular. O colectivo, no que están os principais sindicatos e moitas outras entidades, chama a sociedade a mobilizarse o vindeiro 20 de decembro en varias localidades do país "contra as últimas medidas adoptadas polo Goberno de Mariano Rajoy".

Baixo o lema Por outra saída da crise, haberá concentracións na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo.

A Alianza Social convoca manifestacións contra a non revalorización das pensións, os recortes en sanidade e ensino ou a Lomce e a Lei de taxas xudiciais

Entre elas destacan "a decisión do Goberno de non revalorizar as pensións, os recortes na sanidade e no ensino públicos e a contrarreforma ideolóxica que representa a Lomce e Lei de taxas xudiciais". A Alianza Social, que xa apoiou a última folga xeral, convoca agora por ela mesma unhas marchas que foron detalladas na mañá deste xoves nunha rolda de prensa. Nas reivindicacións, a plataforma esixirá tamén "a reforma da normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento".

Os secreatarios xerais de UGT, José Antonio Gómez; CIG, Xesús Seixo; e CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, acompañados por representantes doutras organizacións, explicaron os motivos da protesta, así como os lugares e horas nas que se celebrarán as marchas.

Lugares e horarios das manifestacións

A Coruña: ás 19:30 h na Delegación do Goberno
Ferrol: ás 19:30 h no edificio da Xunta
Santiago de Compostela: ás 19:30 na praza de Galicia
Lugo: ás 20 h na Subdelegación do Goberno
Burela: ás 20 h na praza da Mariña
Ourense: ás 19:30 h na Subdelegación do Goberno
Pontevedra: ás 19:30 h na Subdelegación do Goberno
Vilagarcía de Arousa: ás 20 h na praza de Galicia
Vigo: ás 20 h diante do MARCO (rúa do Príncipe)

Manifestación do 19 de xullo na Coruña © Daniel Candal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.