A APDR pide a nulidade da prórroga de ENCE

Imaxe de ENCE dende a ría © encefora.gal

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) informou este xoves en rolda de prensa das accións xudiciais que vai levar a cabo para opoñerse á prórroga concedida polo Ministerio de Medio de Ambiente a ENCE. En primeiro lugar, a entidade presentou xa un recurso de alzada contra a resolución do Ministerio no que lle denega ao colectivo a condición de parte interesada. Nese texto, sinálase que "quedan fóra do ámbito da acción popular os procedementos administrativos" e que a asociación "carece de interese lexítimo" neste caso.

Antón Masa lembra que o colectivo si figurou como parte interesada noutros procesos ligados a ENCE, unha condición que agora lle nega o Ministerio

A APDR considera que nesta cuestión a resolución del ministerio "carece de motivación suficiente" e "limita os dereitos subxectivos e intereses lexítimos" da entidade. "Non ten sentido", denuncia Antón Masa -voceiro da APDR-, que lembra que o colectivo si figurou como parte interesada noutros procesos ligados a ENCE e que mesmo lle foi recoñecida esta condición por parte do Ministerio noutros momentos. Por este motivo, a entidade pide que se declare a "nulidade da resolución" e, como consecuencia, de todas as actuacións do procedemento de prórroga da concesión. Con todo, o avogado da APDR, xa anticipa que "non temos fe ningunha neste recurso", xa que en todo o proceso o Goberno "non actuou con arranxo a dereito senón utilizando ou dereito en beneficio duns intereses privados".

"Por máis de Costas diga que o expediente de caducidade xa rematou, tendo en conta que non están respostadas as nosas alegacións nin estaba respostado un recurso de reposición, o expediente non está rematado"

Polo tanto, a APDR xa traballa nun segundo recurso, que previsiblemente presentará a vindeira semana e, en todo caso, antes do límite legal fixado, o 20 de marzo. Trátase dun recurso contencioso-administrativo contra a prórroga a Ence, que a entidade presentará ante a Audiencia Nacional. Neste senso, Antón Masa lembra que a planta de ENCE ten "aínda aberto un expediente de caducidade da súa concesión", o que legalmente impediría prorrogar esa mesma condición, unha decisión na que podería existir "prevaricación". "Por máis que Costas diga que o expediente de caducidade xa rematou, tendo en conta que non están respostadas as nosas alegacións nin estaba respostado un recurso de reposición, o expediente non está rematado", sinala.

 

Imaxe de ENCE dende a ría © encefora.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.