A apertura dunha pista forestal pon en risco unha zona de alto valor ecolóxico na Serra da Enciña da Lastra

O espazo sitúase entre Galicia e León © ADEGA

Oito entidades ecoloxista de Galicia e León, entre elas ADEGA, veñen de dirixirse á Xunta de Galicia é á Junta de Castela e León para denunciar a apertura dunha pista forestal nunha área da Serra da Enciña da Lastra con relevancia ambiental e paisaxística de primeira orde. "Nos últimos días detectamos a realización de traballos forestais destinados a abrir o que parece ser unha devasa no límite actual das provincias de Ourense e León, e que continuarán coa entrada dun buldózer pola área desbrozada ata Peña Falcoeira", advirten, alertando ademais de que esta pista pode xerar "un gran dano ambiental e social, facilitando a entrada nunha zona sensible a actividades non desexadas, como a caza furtiva, e sen dúbida proporcionará acceso a posibles incendiarios".

A pista pode xerar "un gran dano ambiental e social, facilitando a entrada nunha zona sensible a actividades non desexadas, como a caza furtiva"

A Serra de Enciña da Lastra é unha zona dun gran valor ecolóxico situada entre as divisorias das provincias de León e Ourense conta con distintas figuras de protección. Na vertente galega atopamos o Parque Natural "Serra da Enciña da Lastra", e no lado leonés a situación é similar, xa que é un Lugar de Importancia Comunitaria e e unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), ambas figuras de protección incluídas na rede de espazos naturais protexidos pola Unión Europea, a Rede Natura 2000.

Alertan do risco xerado para as poboacións de oso pardo e de voitre branco

"Non podemos esquecer que os desbroces xa ocasionaron un dano directo nunha formación vexetal típicamente mediterránea asentada sobre rochas calizas que teñen unha elevada singularidade na contorna incluíndo a presenza de algúns endemismos botánicos que a día de hoxe descoñecemos se se viron afectados", explican. "Ademais, causouse unha alteración a unha área que ten unha elevada importación como corredor ecolóxico e representa a zona límite de distribución para a poboación occidental de oso pardo", engaden. Así mesmo, destacan que "a entrada de maquinaria para este lugar pon en risco o éxito reproductor dunha das únicos tres parellas de voitre branco", especie declarada "en perigo".

As entidades conclúen subliñando que "a data de realización destes traballos é a peor posible, tendo en conta que estamos en pleno período reprodutivo dalgunhas especies, e calquera alteración do hábitat neste momento é moi prexudicial para as aves e outros vertebrados". Nin que dicir ten que (Neophron percnopterus) toda esta zona da Península Ibérica, especie declarada a nivel europeo pola IUCN como "En perigo."

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.