A asemblea de Banca Ética Fiare puxo as bases doutra economía, "social e solidaria"

Fiare celebrou en marzo a súa asemblea anual Dominio Público Fiare

Fiare celebrou este sábado a súa segunda asemblea estatal en Rivas Vaciamadrid, unha cita moi importante no momento en que a cooperativa está dando os últimos pasos para comezar a operar como entidade bancaria. Os socios e socias da cooperativa escolleron coordinadores de zona un comité ético e o representante no consello de administración do banco. Ademais, aprobaron a súa integración coa súa homóloga italiana Banca Popolare Etica.

Todas as cuestións aprobáronse cunha ampla maioría e cunha participación maior da agradada. Ao final unhas 440 persoas e organizacións estiveron representadas. Fiare está dividida en España en tres grandes áreas: mediterránea, sur e norte, onde se integra Galicia xunto con Euskadi e Navarra. Como coordinador desta área escolleuse a Carlos Ascunce Elizaga xerente da Asociación de Empresas de Inserción do País Vasco.

Agora Banca Popolare Etica ratificará a integración nunha asemblea que terá lugar en maio en Florencia. E calcúlase que antes do verán Fiare comezará a operar como entidade de banca ética, nun comezo só para os seus socios. A finais de ano as operacións abriranse a todas as persoas e FIARE terá un funcionamento normal como banca ética, cando menos como banco online ou no que se refire á apertura de contas e depósitos ou á expedición de tarxetas de crédito.

"Está solicitada a autorización do Banco de Italia e agora todo depende do que tarde en responder a esa solicitude. Ten un prazo mínimo de tres meses e un prazo máximo dun ano. Unha vez que diga que si despois só falta implementar a parte informática que xa está bastante avanzada", comenta Gonzalo Gesto, de Fiare Galiza.

Tamén se quere "aumentar o capital social e o número de aforradores e aforradoras. E incrementar tamén o número de préstamos a sectores económicos que Galicia necesita ou que nós detectamos que necesita"

Os obxectivos da organización en Galicia nos vindeiros meses son "reforzar o papel dos grupos locais e a participación da base social". Na actualidade Fiare conta con agrupaciáns na Coruña, Lugo, Ferrol e Compostela no norte, e Vigo e Ourense no sur. Tamén se quere "aumentar o capital social e o número de aforradores e aforradoras. E incrementar tamén o número de préstamos a sectores económicos que Galicia necesita ou que nós detectamos que necesita", afirma Paula Lubián.

 

Para persoas e organizacións "que queren facer un uso consciente dos seus cartos"

FIARE é un organización de banca ética con 3.886 persoas socias e máis de 4 millóns de euros en capital social. A pesar da crise económica a FIARE danlle as contas e ano a ano vai acadando e mesmo superando a súas espectativas de depósitos e balance. A día de hoxe financiou proxectos en todo o Estado por valor de 31 millóns de euros, e o aforro de persoas e organizacións ascende até os 33 millóns de euros. A partir de agora Fiare ofrecerá os mesmos servizos que calquera banco, aínda que cunhas diferenzas moi claras en canto ao carácter ético dos seus investimentos e créditos concedidos -destinados a cooperativas e á economía social-, á súa transparencia e ao seu non ánimo de lucro.

Dende 2006 Fiare canalizou en España o aforro -até 33 millóns de euros- de persoas e organizacións "que queren facer un uso consciente dos seus cartos". Os seus principais ámbitos de actuación son proxectos vinculados á transformación no campo dos valores e a educación, a inserción social e laboral das persoas, a agroecoloxía e o comercio xusto e a cooperación norte-sur.

Asemblea de Fiare celebrada este sábado en Rivas Vaciamadrid Dominio Público Fiare

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.